José Luis Méndez cobraba da arruinada Caixa Galicia 2,5 millóns de euros ao ano

O máximo directivo da quebrada caixa, que incluso gañaba máis que Blesa, dispoñía até de cociñeiro propio nas súas viaxes e aprobou para si mesmo un retiro de quince millóns de euros cando se xubilou.

joseluismendez
photo_camera Méndez

O ex director xeral de Caixa Galicia, José Luis Méndez, tiña un soldo de dous millóns e medio de euros anuais, segundo aparece nas actas do consello de administración de setembro de 2009, ao que tivo acceso o sindicato CC.OO. Precisamente, nesa altura, Méndez decidiu xubilarse, o que fixo despois de aprobar un finiquito que o beneficiaba con 15 millóns de euros. O soldo de Méndez era mesmo superior ao do encausado ex-presidente de Caja Madrid, Miguel Blesa, íntimo de Aznar.

A representación do persoal tamén coñeceu agora os gastos que Méndez -que sempre tivo un enorme peso na esfera política e mediática de Galiza- cargaba á caixa, que tivo que ser rescatada con cartos públicos -sen facerse coa xestión, que agora é privada- polos gobernos españois, razón que utilizan para xustificar todos os recortes sociais. Méndez viaxaba a Madrid con cociñeiro propio, e tiña alí un coche oficial, ao igual que en Galiza, ademais de varias persoas dedicadas en exclusiva a atendelo,  e que non dixeron nin unha palabra en contra das aventuras inmobiliarias que acabaron xerando o inmenso burato das desaparecidas caixas galegas.

Comentarios