Máis do 92% dos contratos laborais asinados en Galiza en 2013 foron temporais

Temporalidade, precariedade e baixos salarios marcan o xogo nun mercado laboral no que, aliás, os postos de traballo seguen a se destruír. Case 13.000 menos no noso país no último ano.

No mes de decembro en Galiza asináronse un total de 52.762 contratos, laborais, que supón 2.987 menos que en novembro mais foron 7.983 máis que en decembro de 2012 (un 17,83% máis). Dos contratos firmados o mes pasado 49.180 foron temporais e só 3.582 indefinidos. Para a CIG, “onde mellor se aprecia esa temporalidade é no dato acumulado, xa que do total de contratos asinados en 2013 en Galiza, o 92,39% foron temporais”.

Ademais, en Galiza houbo no mes de novembro 150.076 beneficiarios de algún tipo de prestación, o que implica que un total de 120.778 persoas desempregadas non cobraron ningún subsidio. Unha cifra que mes a mes denota para a central nacionalista a grave situación pola que atravesan miles de persoas en risco de pobreza e exclusión social.

Queda do paro?

Respecto da diminución no noso país en 2013 do paro rexistrado inter-anual en 7.724 persoas, a CIG lembra que hai que asocialo á xente que se dá de baixa nas listas do INEM porque xa non ten expectativas de conseguir emprego por esa vía, ou á que marcha á emigración -12.854 persoas só no primeiro semestre-. A isto engade as máis de 2.000 persoas desempregadas que desaparecen das listas do INEM cada mes por estaren a facer algún tipo de curso de formación.

Neste escenario, a CIG entende máis que necesario activar as medidas para o crecemento económico e a creación de emprego recollidas na Iniciativa Lexislativa Popular impulsada polla central nacionalista e para a que xa se están a recoller sinaturas.

A ILP que contempla un ampla abano de medidas (até 100 propostas) referidas á política industrial, fiscal, financeira, enerxética, ambiental, laboral, entre as que cómpre salientar a proposta de reducir a xornada laboral no camiño da conquista das 35 horas semanais, como medida de reparto do traballo, e o fomento de políticas de rendas que garanta uns salarios dignos.

Comentarios