Informe da CIG

Mercado laboral en Galiza en seis chaves: do empobrecemento do traballador á sangría demográfica

O sindicato nacionalista presentou o informe ‘Mercado laboral galego 2017’, estudo que documenta a grave perda de peso dos salarios no PIB derivada da destrución de emprego e deterioro das condicións laborais. Unha situación que leva á consolidación en Galiza dunha figura que emerxeu ao longo destes anos: a do traballador pobre.

2018-03-13 RP Mercado laboral 2017
photo_camera López Gromaz e Fran Cartelle.

No documento analízase a evolución do emprego en 2017 a partir de datos oficiais e compárase coa situación nos anos inmediatamente anteriores ao inicio da crise (2008- 2009) mais tamén co 2012 porque foi cando se aprobou a última reforma do PP que “supuxo un antes e un despois nas condicións do mercado de traballo en Galiza”, denuncia o sindicato nacionalista.

1) Sangría demográfica. A poboación de máis de 16 anos en Galiza reduciuse desde 2008 en 51.300 persoas. Para Natividade López Gromaz, responsábel do gabinete de economía da CIG a situación derivada tanto do saldo vexetativo negativo que sofre Galiza, como a que “a medida que a crise comezou a destruír emprego miles de galegos abandonaron o país en busca dun posto de traballo”. Na actualidade hai 175.300 persoas menores de 45 anos  menos que en 2009. Entre os menores de 24 anos reduciuse a poboación activa á metade e os menores de 35 anos pasaron de representar 27,7% a un 19% na actualidade.

2) 148.000 persoas ocupadas menos. Con respecto a 2008 aínda hai 148.000 persoas ocupadas menos en Galiza, e “cun deterioro enorme das condicións laborais que se ve tanto nos ingresos como nas condicións do traballo”.

3) Mocidade golpeada. O colectivo de mozos e mozas foi dos máis afectados pola destrución de emprego. Por volta de 7.000 menores de 35 anos perderon o posto de traballo en 2017 e son 112.300 ocupados menos que no ano 2009, pasando de representar 33,4% do total de ocupados de Galiza  a 23,1%, 10 puntos menos.

4) Tempotalidade de récord. A temporalidade que era máis característica do sector privado estase estendendo a sector público. “Rematou o ano 2017 cunha taxa de temporalidade de 27% que foi do 52% entre os menores de 35 anos porque practicamente todo o emprego que se creou nestes anos foi temporal e a xornada parcial”. Desde 2009 hai máis de 100.000 persoas menos que traballan a xornada completa e hai 26.300 persoas máis con xornadas parciais, 90% mulleres.

5) En 2017 asináronse máis dun millón de contratos, dos que 35% non chegaron á semana de duración. Xornadas parciais, contratos de escasa duración e sectores con salarios medios moi baixos levou a que se reduciran os ingresos da clase traballadora de forma importante e parello a iso, o peso dos salarios no PIB. “Un deterioro das condicións laborais agravado fortemente desde o ano 2012”. En 2009, 14% de asalariados tiñan uns ingresos inferiores á metade do SMI e hoxe son 18%, catro puntos máis. Foi ademais neste grupo de asalariados/as no único no que medrou o emprego e hai un 30% da poboación cuxos ingresos non chegan ao SMI. Hai un 30% de poboación cuxos ingresos non chegan ao SMI. Un traballador galego perdeu, de media, 11% do poder adquisitivo.

6) Causas. Fran Cartelle, secretario confederal de Enprego da CIG, manifestou que estamos a pagar as das reformas laborais impostas de 2010 e 2012.  “Hoxe a clase obreira galega está máis empobrecida; o peso das rendas das persoas asalariadas descendeu no PIB en catro puntos; as traballadoras e traballadores galegos perderon 11% de poder adquisitivo desde o ano 2009”,. O secretario confederal de Emprego lembrou que a CIG, alén de promover folgas xerais e mobilizacións no día a día na rúa presentou no ano 2013 un documento con 100 medidas para a creación de emprego en Galiza que “viña demostrar que con outras políticas si que se podería ter conseguido emprego de calidade no noso país”.

Comentarios