Morre o dono de El Corte Inglés, membro fundamental da elite dominante española

Isidoro Álvarez, presidente dos coñecidos almacéns, morreu aos 79 anos en medio dunha vaga de despedimentos silenciados na súa empresa e entre acusacións de impoñer un modelo laboral abafante.

corte-crop
photo_camera Corte Inglés nunha folga xeral

Unha insuficiencia respiratoria que tivo lugar a principios de semana acabou este domingo coa vida de Isidoro Álvarez, presidente de El Corte Inglés, aos 79 anos de idade. Era este todo un símbolo da burguesía española, un empresario que a pesar da súa fama de discreto, bastante discutíbel, estaba sempre entre o máis selecto das elites gobernantes españolas, xa, mediante ascendencia familiar, desde o franquismo.

Moi relacionado con sectores católicos conservadores, Isidoro Álvarez dirixía tamén un imperio económico que creou escola e non precisamente polo respecto aos dereitos do persoal. Baixo un discurso paternalista, El Corte Inglés destacou sempre polas súas imposicións sen posibilidade de réplica, a ausencia total de sindicalismo combativo dentro da empresa -si amarelo, agás algunha contada excepción- ou a obsesión de que os seus centros abran sempre cada folga xeral, o que converteu a estes grandes almacéns en todo un símbolo para @s manifestantes.

Despedimentos

Nos últimos tempos, El Corte Inglés tamén destacou por pagar a crise con despedimentos, máis ou menos agochados a nivel público, xa que a política da empresa de Álvarez sempre pasou polo absoluto control -investimentos publicitarios mediante- dos medios masivos de comunicación, que nunca informan de nada negativo sobre a mesma. Segundo algúns dados, uns 15.000 traballadores deixaron o seu posto desde 2011. Agora desaparece o patriarca, na mesma semana na que faleceu outro dos máis importantes persoeiros da burguesía española: Emilio Botín.

Comentarios