O naval de Ferrol pendente dunha decisión en México

A petroleira Pemex anuncia esta segunda feira, após tres adiamentos, que estaleiros construirán os 2 buques floteis. Un traballo o que aspiran Barreras e Navantia e que suporía un “balón de osíxeno” para o naval ferrolá mais non unha verdadeira solución, lembran os sindicatos.

navantia-fene-astano-f-goiriz-14-11-2008-013-3

A petroleira azteca Pemex anuncia esta segunda feira que estaleiros construirán os seus dous buques floteis. Un traballo o que aspiran Barreras (o estaleiro vigués comprado por apenas 5 millóns de euros pola para-estatal) e Navantia. O propio presidente da Xunta, Núñez Feijóo, prometera vai para 16 meses que era algo 'blindado' que eses dous barcos ían facerse en Ferrol un e en Vigo outro. Mais ano e medio despois non hai nada claro.

Se non hai novo adiamento, Pemex adxudicará hoxe eses dous barcos. Todos dan por feito que un dos floteis irá para Barreras. Non tería lóxica que fose feito nun estaleiro diferente do que acaban de mercar hai unhas semanas, e a bo prezo, os mexicanos. Mais a situación de Ferrol é diferente. Primeiro, porque pode non levar ese contrato. E segundo, porque aínda que leve a adxudicación, sería un respiro para este sector mais non a solución.

“Balón de osíxeno”

O presidente do comité de empresa de Navantia, Ignacio Naveiras, recoñece que ese flotel é un “balón de osíxeno” mais desbota que sexa o “maná”. Incide en que o naval de Ferrol precisa carga de traballo importante e lembra que foron centos os traballadores que perderon o emprego nestes meses.

A solución, afirma, sería o fin do veto á construción civil, a construción do dique flotante ou mesmo poder construír os gaseiros de Gas Natural que a empresa española encargou a estaleiros asiáticos.

Comentarios