O naval galego navega en mínimos históricos: ningún encargo no primeiro semestre de 2015

Pechou o primeiro semestre do 2015 sen ningún encargo. Un periodo no que o volume de contratación de pedidos nos estaleiros españois aumentou nun 12%.

Estaleiro, naval

A alegría vai por barrios, setencia o dito ibérico. E tamén por estaleiros. Así, fronte aos mínimos históricos nos que deambula o naval galego, o sector español goza dunha boa saúde. No primeiro semestre do ano en curso, o 2015, os estaleiros galegos non asinaron nin un só contrato. Cero pedidos. Neses mesmos seis meses os estaleiros vascos lograron 6 contratos e os asturianos, 7. Lembrar agora que houbo tempos, non tan lonxanos, nos que o naval galego representaba máis do 50% de todos os pedidos no Estado español semella case unha broma de mal gosto.

Mentres, a patronal do sector de pequenos e medianos estaleiros sinalaba que o volume de contratación de novos pedidos aumentou nun 12% no primeiro semestre de 2015 a respeito do mesmo período de 2014.

Perda operarios

O informe trimestral da Xerencia do sector naval (Gernaval, dependente do Ministerio de Industria) sinalaba que entre xaneiro e outubro de 2014 os estaleiros galegos só tiñan catro pedidos. Cifra que contrasta cos 43 encargos que suman os estaleiros de Euskadi e Asturies. A queda da carga de traballo fica ben reflectida nas persoas en alta laboral que traballan nos estaleiros galegos privados. No 2014 ese número era de por volta de 5.500 operarios. Na década anterior, superaba os 10.0000. Unha perda de case a metade dos traballadores.

Desde o 2014 o sector perdeu na Galiza a metade dos postos de traballo

Xa Gernaval apontaba, a respeito de 2013, unha situación complicada para o naval galego, superado por Asturies e Euskadi. Así, apontaba a que naquel ano na carteira de pedidos- buques que están en grada ou pendentes de construír- Asturies posuía 27, o naval vasco 20 e Galiza ficaba en seis.

Perante este escenario, o presidente da Xunta afirmou neste verán que “os estaleiros galegos precisan carga de traballo”, mais derivou a responsabilidade pola falla da mesma a outras instancias e entidades. 

Comentarios