O hermetismo imposto polo Goberno na comparecencia de Mario Draghi non pode coas novas tecnoloxías

Malia as medidas adoptadas polas autoridades do Congreso español as restricións non impediron que deputa@s de ICV gravasen diversos vídeos da comparecencia que posteriormente foron pendurados nas redes sociais. Vídeo no interior
Mario Draghi, imaxe de arquivo
photo_camera Mario Draghi, imaxe de arquivo

"Para o que dixo, puido ser a porta aberta. Non achegou nada", aseveraba en declaracións aos medios de comunicación á saída da comparecencia do presidente do BCE a portavoz do BNG no Congreso, Olaia Fernández Davila. "Veu dar beizóns ás políticas de Mariano Rajoy", dixo a xeito de resumo a deputada nacionalista, ao tempo que achou "inaceptábel e inadmisíbel" algunhas das propostas que Draghi realizou na súa intervención.

Olaia Fernández Davila (BNG): "A súa obsesión é a moderación salarial. Producir máis con menos salarios"

"A súa obsesión é a moderación salarial". A deputada nacionalista criticou con dureza que o presidente do BCE asegurase que @s traballadoras e traballadores deben "producir máis con menos salarios", unha aseveración que casa á perfección cos principios sob os que se asentan as reformas laborais deseñadas desde Bruxelas e aplicadas polos gobernos de Zapatero e Rajoy. O marco de relacións laborais que propón, criticou Fernández Davila, "é a volta a tempos pasados con mini salarios".

Malia os intentos da institución española por blindar a sala do Congreso que acolleu a xuntanza do presidente do BCE con deputad@s da Cámara baixa, non impediu que as filtracións se sucedesen por parte daquel@s que criticaron con dureza a decisión gobernamental de prohibir a entrada de xornalistas ou mesmo de que a comparecencia fose rexistrada mediante acta. "A rede de amparo en torno a Draghi é un escandalo", aseguraban traballadoras dos grupos parlamentarios a través da rede social Twitter. Cintos policiais blindaban o Congreso e inhibidores de frecuencia impedían que @s parlamentares puidesen emitir información ao exterior.

Porén, as novas tecnoloxías gañaron a batalla ao hermetismo. Neste senso, deputad@s de ICV gravaron cos seus dispositivos móbeis parte da intervención do líder comunitario. 

Na súa comparecencia Draghi asegurou albiscar "sinais de mellora" na economía española que daban conta dos "resultados" emanados das reformas aprobadas polo Goberno de Rajoy. No entanto, instou ao executivo español a informar publicamente e de maneira concreta do seu calendario de reformas, no que denominou "un proceso necesario, aínda que doloroso".
Aliás, o presidente do BCE insistiu en que as entidades financeiras están "en condicións de daren crédito", malia a que a realidade dunha banca prinvada rescatada, non diga o mesmo.

Comentarios