Operarios en 'desconexión' por un convenio xusto para o sector do telemarketing

CIG convoca esta terza feira protestos nas empresas dos centros de chamada mediante paros dunha hora, pola mañá e a tarde.

telemarketing cig

No ano 2000 a facturación do sector das 'call centers', telemarketing ou centros de chamada non chegaba os 900 millóns de euros. Unha década despois, en 2010, andaba polos dous mil millóns, e no 2014 foi de máis de 2.215 millóns. Incrementou neste periodo nun 70%, un aumento que tamén se deu, sinalan desde os sindicatos, nos beneficios da patronal. Porén, as e os traballadores seguen sen ver atendidas moitas das súas demandas. Peticións e reclamacións que volveron poñer sobre a mesa no proceso de negociación en marcha para un novo convenio, mais que seguen sen ser atendidas, sinalan.

Por iso a CIG, a primeira forza sindical neste sector en Galiza, convocou para esta terza feira paros e 'desconexións' nas empresas do sector. Así, convidan as e os operarios a 'desconectar' unha hora pola mañá (12:30 a 13:30 horas) e outra pola tarde (19:00 a 20:00 horas) como medida de protesta e presión. O sindicato nacionalista denuncia que a patronal quer “un convenio baseado en gastar poucos cartos e expremer o persoal para aumentar facturación e beneficios”.

Garantir dereitos

A CIG indica que no actual convenio non están abondo amparados ou garantidos os dereitos dos operarios. Por iso queren que o actual que se está a negociar sexa “xusto, digno” e que garanta eses dereitos. Falan as e os traballadores de que as preferencias horarias non están reguladas, de que cómpre revisar o sistema de retribucións e categorias, da necesaria actualización de salarios, da estabilidade no emprego... Demandas elaboradas “entre todos os traballadores e que se está a defender na mesa de negociación” mais que cae “en saco roto”. 

Comentarios