Pemex adía por quinta vez a adxudicación dos dous floteis aos que aspira o naval galego

En setembro de 2012 Núñez Feijóo anunciaba o acordo de construción destes buques como unha cousa feita. Desde entón, pasaron 15 meses e destruíronse centos e centos de empregos no naval.

Outra vez. E xa van cinco. Pemex adiou de novo e sen dar ningunha explicación a adxudicación de dous floteis, os buques que aspiran a construír estaleiros galegos (Barreras e Navantia). Un novo retraso na adxudicación que senta como unha bomba sobre todo en Ferrol, onde a construción deste buque é percibida se ben non como a solución á situación que atravesa Navantia si como un balón de osíxeno.

Un novo adiamento, logo. O quinto neste ano e medio transcurrido desde que Núñez Feijóo prometese publicamente que eses buques ían ser construídos na Galiza, que era un acordo blindado con Pemex. Unha promesa pre-lectoral que o tempo demostrou como falsa.

En principio, a adxudicación fica adiada a finais de xaneiro, o 28. Visto os antecedentes, podería haber un sexto atraso. A preocupación abrolla principalmente en Ferrol. Barreras (mercado por apenas 5 millóns de euros por Pemex) ten todas as bazas para construír 1 flotel. O de Navantia, porén, xa é outro cantar.

"Unha vez máis, sen carga de traballo"

O secretario do comité de empresa de Navantia-Ferrol, Lito Blanco, recoñecía que entre o secto esta noticia senta como un mazazo e pode xerar frustración. "Unha vez máis, estamos sen carga de traballo". Lembra, iso si, que o flotel non é a solución posto que esta debería pasar por compromisos coma o do dique flotante.

Comentarios