Perto de 20.000 empregos do mar pendentes dunha microalga

O episodio de marea vermella chega no peor momento. Bateeiros, conserveiras, cocedeiros... todo un heteroxéneo sector sofre os peches de polígonos. Algúns directivos din que de non variar a situación en 2 semanas podería haber desabastecemento no mercado.

Batea de mexillón. (Foto: Nós Diario)

O verán é, xunto co Nadal, unha das campañas fortes para o mexillón galego, un produto que nesta temporada de agosto atinxe o seu rendemento óptimo en carne, converténdoo nesa delicia para o padal que o fai propio entre todos os mitilos cultivados no mundo. Mais este verán non está a ser de movemento nos portos, con barcos a arribar ateigados deste ‘ouro negro’ e camións a agardar para transportalo. A responsábel deste parón é a coñecida como ‘maré vermella’ (‘purga de mar’, chamábanlle os máis vellos), un fenómeno natural que vén dunha concentración de fitoplacton, de microalgas, por riba dos niveis legais que fai que o mexillón non sexa apto para o consumo humano.

En 2013 o sector bateeiro xa facturara en primeira venda 20 millóns de euros menos que no exercicio anterior

Son xa días de parón. O que afecta tanto os bateeiros (5.000 persoas traballan directamente nas bateas de mexillón segundo a Xunta, cifra que en boas campañas aumenta a perto de 8.000) como a todo unha serie de sectores e subsectores. Desde conserveiras e cocedeiros até transporte (camións que levan mexillón a mercados), ... O Consello Regulador do Mexillón cifrou en 19.000 os empregos directos e indirectos que en Galiza xera o mexillón. Poucas empresas ou industrias en Galiza poden presumir desa cifra.

Peches

A forte incidencia deste episodio de maré vermella mantén fechadas o 90% das bateas existentes en Galiza (máis de 3.200) e estase a extender a outros bivalvos, os dos bancos marisqueiros, en certas zonas de determinadas Rías. Os estritos controis garanten que o marisco que chegue o mercado estea en perfectas condicións, tamén o mexillón. Mais deste molusco cada vez hai menos. Cocedeiros e conserveiras tiran de stock. Mais se non comeza a haber aperturas de polígonos en 2 semanas o mercado podería ficar desabastecido de mexillón, segundo algúns directivos do sector. Outros foxen de pesimismo e consideran “temeridade” falar neses termos.

Por que?

A maré vermella non é unha novidade no sector mexilloeiro galego. É un fenónemo natural decorrente de altas concentracións de fitoplancto nas augas. O que si é unha novidade desde uns anos é a súa alta incidencia e duración, o que as fai moito máis prexudiciais que antano.

E aí hai críticas do sector á administración, por non se centrar máis na investigación das causas desa variación ‘a peor’ nas mareas vermellas. Ben sexa polo cambio climático, polo aumento da contaminación nas augas... o certo é que cada ano hai encerramentos máis prolongados polos episodios tóxicos.

Cómpre lembrar que en 2013 o sector bateeiro facturou en primeira venda 20 millóns de euros menos que no exercicio anterior. E se este ano a situación é igual ou peor, un dos puntais da economía costeira de Galiza, sobre todo nas Rías Baixas, vai estar na corda bamba.

Comentarios