A petroleira China Sonangol ultima a compra do grupo galego Rodman

A filial chinesa da petroleira estatal de Angola ve ‘’inminente’ a adquisición, indica ‘La Voz de Galicia’, pola que podería pagar 100 millóns de euros.

rodman

O grupo galego Rodman, fundado en 1974 e con 5 factorías, está especializado na construción de embarcacións, principalmente iates e patrulleiras, mais non só. É un líder no sector náutico do Estado, con máis de 13.000 embarcacións entregadas. Todo indica que en breve pasará a mans chinesas coa súa compra por China Sonangol, a filial chinesa da petroleira estatal angolana. Segundo ‘La Voz de Galicia’, o pacto entre ambas as dúas partes é “inminente” após tiras e afrouxas durante as últimas semanas. A cantidade que se pagaría nesta operación rondaría os 100 millóns de euros, avanza o xornal de Sabón. Estaríase á espera para ultimar o acordo do visto bo do presidente da Xunta.

A petroleira encargou en setembro pasado a Rodman a construción de 40 patrulleiras e 10 catamaráns. O acordo incluiría, indica ‘La Voz’, a adquisición do 90% do grupo. Finalmente a petroleira farase coa maioría de Rodaman, mais sen chegar ao 90 por cento.

Medios como ‘Economía Digital’ teñen destacado que o propio goberno chinés estaría detrás deste interese pola compra de Rodaman. Sam Pa é o negociador e responsábel da adquisición, unha persoa que certos medios sitúan como home de confianza en Angola e África do goberno de Beijing.

A Xunta cre unha "boa nova" a venda de Rodaman a China Sonangol se iso implicar maior carga de traballo, manifestou conselleiro de Economía e Industria nunhas declaracións recollidas por axencias.

Comentarios