O PIB por habitante en Galiza sitúase un 8% por baixo da media española

O Produto Interior Bruto (PIB) no noso país foi de 20.399 euros por habitante. Case 2.000 euros menos que a media do Estado español e 6.000 por baixo da media europea.

Poligono industrial (Nós Diario)

O Produto Interior Bruto por habitante en Galiza foi en 2013 de 20.399, segundo os dados ofrecidos esta fin de semana polo Instituto Nacional de Estatística. Iso supón 1.880 euros menos que a media do Estado español (22.279 euros). A diferencia é maior se a comparación é coa media da Unión Europea, 6.100 euros superior (28.500) por habitante ao PIB de Galiza.

O medre real do PIB en Galiza foi negativo (-1%) en 2013, outro dato que amosa o impacto da crise. Desde o inicio da crise o PIB por habitante no noso país foi descendendo. En 2009 era de 20.423 euros. DE feito, o actual dato galego (20.399), está no nivel que o Estado español tiña hai oito anos, en 2006 (22.400 euros por habitante).

Concellos

Dos 314 concellos existentes en Galiza só 44 superan en Produto Interior Bruto (PIB) por habitante a media galega, que é de 20.400 euros. Unha cantidade sensibelmente inferior, un 8,4% menos, que a media estatal, que foi de 22.279 euros en 2013. Un total de 270 municipios, logo, fican por baixo ou como moito igualan o PIB.

Segundo os dados do Instituto Galego de Estatística, hai por volta de 60 concellos onde o seu PIB por habitante é menos da metade da media galega, é dicir, por baixo dos 10.200 euros.

Comentarios