O PP renuncia a que a Xunta exerza as súas competencias en augas interiores en apoio á frota galega

BNG e AGE instaron, sen éxito, o PP a que apoiase a petición para que o goberno galego executase os seus poderes -recoñecidos no Estatuto- nas augas propias e garantise así o futuro de frotas como a do xeito.

pesca, barco, mar

A Comisión de Pesca do Parlamento galego tiña esta quinta feira sobre a mesa dúas propostas nas que se demandaba que o goberno galego exercese as súas competencias en augas interiores. Unha do BNG e outra de AGE, que se debateron conxuntamente. Ambas as dúas coa defensa do arte do xeito – sometida a prohibición de pescar sardiña e coa ameaza de ser prohibida en 2015- como unha das súas motivacións. Mais o PP opúxose á iniciativa, que mesmo cualificou de "proposta trampa".

O deputado nacionalista acusou o PP e a Xunta de “non asumir as súas competencias, impiden que a frota artesanal faene en augas interiores e deixan tiradas a 427 embarcacións do xeito, 19 racús e múltiples embarcacións de enmalle. Vostedes non gobernan para defender que os nosos mariñeiros pesquen, vostedes só están preocupados polo poder e cumprir as directrices do Estado aínda que estás prexudiquen os nosos intereses”.

O Grupo Popular aprobou en solitario unha iniciativa pola que insta á Xunta a elaborar un estudo socio-económico sobrea influencia da pesca da sardiña en Galiza. BNG, AGE e PSdeG consideran que o PP procura "lavar a cara" perante o sector do mar con este tipo de propostas no canto de apoiar iniciativas que a serio benefician a mariñeiros e baixura.

Comentarios