Privatizar a sanidade sae caro

Os procesos de externalización dos servizos sanitarios custan á administración máis do que desenvolver unha xestión pública.
Quirófano
photo_camera A Comunidade de Madrid pagará polo servizo privado 118 millóns máis do que custa a xestión pública

En 2001, a filósofa e analista política Susan George advertía na súa obra Poñamos a OMC no seu sitio (Icaria), das negociacións desenvolvidas no seo da Organización Mundial do Comercio arredor dos procesos de liberalización sanitaria e educativa. A OMC (1995) e o seu antecesor o GATT (1944) constituíron desde o remate da II Guerra Mundial un dos tres piares fundamentais sob os que se desenvolvería a economía mundial. O seu obxectivo, liberalizar e desregular as relacións comerciais entre as economías capitalistas.

A finais do século XX, os Estados membros --máis coñecidos na xiria da OMC como Altas partes contratantes-- acordaban no decorrer das roldas de negociación a liberalización progresiva dos suculentos nichos de mercado existentes en dous dos dereitos fundamentais: a sanidade e a educación. Abrían así ás empresas transnacionais unha grande oportunidade de negocio, "arredor do 22% do comercio mundial", apuntaba naquela altura S. George. Aliás, moit@s d@s representantes políticos con cadeira nas devanditas reunións internacionais, posuían amáis de intereses político-ideolóxicos, importantes intereses económicos na privatización da saúde e a educación das persoas.

Michel Sevoz (UE), 2001: "O ensino e a sanidade están maduros para a liberalización"

Neste senso, Michel Servoz, daquela representante da UE nas negociacións en materia de servizos, afirmaba que "o ensino e a sanidade están maduros para a liberalización" e de igual maneira que na actualidade argumenta o goberno español, o obxectivo da co-existencia de hospitais públicos e privados era, segundo o comisario europeo, pular "por unha maior competitividade" na oferta.

Após o estourido da crise económico-financeira, a maior parte dos Estados europeos e, nomeadamente, as institucións comunitarias, pulan pola liberalización da xestión hospitalaria e médica como unha necesidade para a sostibilidade das economías da zona euro. Un suposto gasto excesivo froito dunha vida "por enriba das nosas posibilidades" orixinara un buraco nas arcas públicas que puña en risco o mantemento do denominado "Estado do benestar". Abríase así a veda dunha modalidade privatizadora a través da externalización dos servizos sanitarios. Isto é, o pagamento por parte das administracións a empresas privadas pola xestión dos hospitais.

Madrid gastará 118 millóns de euros máis pola concertación dos servizos hospitalarios

A comunidade de Madrid foi un dos principais territorios do Estado español que puxo a andar este tipo de procesos através da externalización de 6 centros hospitalarios. Porén, os dados tirados pola Asociación de Facultativos e Especialistas de Madrid (AFEM) --en permanente conflito co goberno da comunidade-- alerta do "sobre-custo" que representa a introdución desta modalidade de xestión. Así pois, entrementres as empresas concesionarias cobrarán 441 euros por cada paciente potencial, cinco dos seis hospitais que aplicarán a externalización sitúan o custo por doente en menos da cantidade estabelecida.

AFEM: "Somos máis rendíbeis xestionados pola pública"

Desde a AFEM, cifran o sobre-custo que soportará a administración madrileña en 118 millóns máis do que a xestión pública dos hospitais custaría e aseguran: "Somos máis rendíbeis xestionados pola pública".

A maré branca que simboliza @s traballadoras e traballadores sanitari@s na capital española desenvolve unha loita na defensa da sanidade pública desde 2012. Porén, a negativa do goberno autonómico a frear os procesos de privatización levará, máis unha vez, á rúa a milleiros de profesionais do sector. Neste senso, Galiza non escapa da tónica xeral. Para este ano, prevese máis unha notábel redución orzamentaria en sanidade até o punto de que hospitais como o da Mariña vén de perder dous millóns de euros para 2013. O desmantelamento e a precarización dos servizos públicos convértense deste xeito nunha moi lucrativa maneira de abrir as portas ao capital privado, disposto a facer negocio cos dereitos sociais.

Comentarios