A reforma fiscal do PP ou un amaño electoralista para o seu público que acabará en recortes

Economistas como Manuel Lago ou Edelmiro López ou mesmo técnic@s de Facenda consideran regresiva a nova política tributaria anunciada polo goberno de Rajoy e cren que só beneficia ás clases máis altas. Así mesmo, temen que ao baixar a recadación abrirá a porta a novas reducións de gasto público.

Cristóbal Montoro
photo_camera Cristóbal Montoro

“Imos facer o que sempre quixemos e nunca puidemos: baixar os impostos”. Con esa triunfalista declaración -que agocha o feito de que asume que incumpriu o seu programa electoral durante case tres anos- o presidente do Goberno do Estado, Mariano Rajoy, anunciou a reforma fiscal que vén de aprobar o seu Executivo, que segundo as súas palabras tamén “evitará subir o IVE e permitirá baixar inmediantamente as retencións d@s autónom@s”. Todos estes anuncios dentro dun dicurso triunfalista, que dá por feita unha recuperación aínda moi discutida. Tanto como os efectos desta reforma, que ten na rebaixa dos tipos do IRPF a súa medida estelar.

Con todo, Manuel Lago, economista de CC.OO en Galiza, ten claro que a reforma é “unha chapuza electoralista, coa que o PP envía aos seus votantes tradicionais a mensaxe de que rebaixa impostos, cando realmente a reforma é máis propagandística que real, as persoas de ingresos medios, que son a maioría, apenas a notarán, si os que máis teñen, namentres que @s máis desfavorecidos xa non tributaban nos campos que agora tocan”, explica.

Demagoxia

“Hai moita demagoxia na reforma”, insiste Lago. “Non enfronta o gran problema fiscal do Estado que é de ingresos, polo contrario mesmo os reduce, polo que cabe sospeitar que detrás desta reforma a medio prazo atopémonos con novos recortes, na liña que pide a Unión Europea. E tampouco vai ao problema de equidade, polo que é o 50 por cento da poboación das rendas medias a que achega o 90 por cento dos impostos”, afirma, antes de amosar a súa preocupación pola “letra pequena”. “No anuncio o Goberno só propagou as que considera virtudes da reforma, pero o luns podemos levar moitas e desagradábeis sorpresas, como o que se está adiantando dunha posíbel pago de IRPF das indemnizacións de despido, que agora están exentas”.

"Semella unha forma electoralista de gañar tempo en 2015 pero que desembocará en recortes duros en 2016", asegura Edelmiro López

Outro economista como o profesor Edelmiro López Iglesias comparte esas opinións e amplía: “Isto en realidade semella unha especie de tempo morto que pide o PP para gañar posicións de cara aos comicios de 2015 na vez dunha reforma realmente necesaria que solucione cuestións como a falta de ingresos para as arcas públicas. É máis, coido que esta reforma acabará provocando fortes recortes de gasto público a partir de 2016”, indica. “O anunciado non pensa na gran cuestión fiscal, que é  obter maiores ingresos e solucionar temas como a fraude, e polas contas que botei fará subir o déficit, algo que non parece probábel que vaia ser permitido pola Unión Europea e rematará xerando unha redución de gasto público que moito me temo que irá contra a Sanidade e o Ensino. Aliás, en realidade só beneficia ás persoas con rendas maiores a 300.000 euros, ás que se lles aplica unha rebaixa no IRPF de sete puntos, namentres que nas rendas medias case nin se notará, xa que só será de dous puntos”, engade.

Entre as voces críticas, que son unánimes entre as formacións de esquerda, destacan tamén as que saen dentro da propia Axencia Tributaria ou das súas cercanías. Por exemplo, @s técnic@s do Ministerio de Facenda reunidos en Gestha aseguran que esta reforma fiscal do PP é “regresiva, xa que serán as clases medias as que aturen unha vez máis a rebaixa ás grandes fortunas, atentando así contra a propia Constitución que fala de que cada cidadán debe achegar ás arcas públicas en función da súa capacidade”. “A progresividade é a gran prexudicada da reforma ao simplificar de sete a cinco os tramos actuais do IRPF. Só 73.000 contribuíntes serán beneficiad@s, pola contra, os 11,5 millóns de traballadores e pensionistas que gañan menos de 11.200 euros anuais non se verán afectad@s pola rebaixa fiscal da Moncloa”, engaden.

Alcance limitado

“O Goberno, ao non baixar outros impostos que soportan os cidadáns, como o IVE ou os referintes aos Hidrocarburos ou a Electricidade, non pode dicir que rebaixa a presión a tod@s ou falar dunha reforma integral do sistema fiscal senón só parcial”, sinala o secretario xeral de Gestha, José María Mollinedo. Pola súa parte, mesmo a Organización Profesional de Inspectores de Facenda do Estado (IHE) considera que a reforma fiscal de Rajoy e Montoro “terá un alcance moi limitado ao non abordar cuestións esenciais”.

"A reforma participa dun momento político concreto, como a renovación da Xefatura do Estado, onde prima a propaganda", di Manuel Lago

E hai tamén unha visión política detrás da reforma fiscal. “Ë obvio que está pensada para maio de 2015, cando o PP se xoga case todo nas eleccións municipais, que se non gaña sería case o mesmo que perder as xerais de cinco meses depois. Por iso fanlle unha chiscadela ao seu electorado, que fabrican ademais nos mesmos días en que se quere vender renovación co cambio na Xefatura do Estado ou mellora económica por parte dos grandes banqueiros nas súas intervencións públicas. Todo forma parte dunha gran operación de propaganda á que, se podo facer unha brincadeira, só lle faltou que a selección española xogase ao fútbol en Brasil”, afirma Lago.

Comentarios