As retribucións do novo consello de NCG: entre os 100.000 e 500.000 euros anuais

Esta cuarta feira a entidade pasará oficialmente a mans de Banesco. Seis homes e unha muller compoñen o novo consello de administración, marcado por xente ligada ao Banco Etcheverria e Banesco.

Juan Carlos Escotet
photo_camera Juan Carlos Escotet

Esta cuarta feira NCG pechará a porta do Frob e pasará oficialmente a ser de Banesco, o banco venezolano que a comprou a finais do ano pasado. Será tamén ese día o da xuntanza do primeiro consello de administración, que ten designados xa a 7 dos seus 9 integrantes. Seis homes e unha muller. Na súa maioría, os conselleiros están ligados a Banesco ou ao Banco Etcheverría. Javier Etcheverría (presidente desde 1980 do banco que leva o seu apelido), Juan Carlos Escotet Rodríguez, Francisco Botas Ratera, Raúl Baltar Estévez, Pedro Raúl López Jácome, Carina Szpilka e Miguel Angel Capriles López. Este último é un empresario venezolano dos medios de comunicación. Ten parentesco lonxano co líder opositor, mais (e segundo La Voz) posúe boa sintonía co goberno de Maduro.

A retribución dos conselleiros foi aprobada na xunta de accionistas realizada esta segunda feira (e na que participaron o 91% dos accionistas): 500.000 euros para os conselleiros executivos e 100.00 para o resto. No anterior consello (con NCG nacionalizada) o salario do presidente e conselleiro delegado era de 300.000 euros, sendo de 50.000 para o resto.

Na xunta tamén se aprobaron as contas de 2013, que rexistraron un beneficio atribuído de 18 millóns de euros, e a elección de KPMG como novo auditora da entidade, substituíndo a Deloitte.

Comentarios