Enquisa anual de custe laboral 2014

O salario bruto en Galiza fica a 2.750 euros anuais da media española

Un traballador ou traballadora no noso país ten de media un soldo bruto 7.318 euros inferior ao dun en Madrid. Galiza está no furgón de cola do Estado neste campo.

Persoas traballando nunha cadea de montaxe (Foto: Nós Diario).

Galiza segue no furgón de cola do Estado español en canto a salarios, como vén de ratificar a Enquisa Anual de Custe Laboral 2014. O soldo bruto dunha persoa que traballa en Galiza é de 19.854 euros anuais, unha cifra que superan todos os territorios do Estado agás Canarias e Extremadura, os únicos con peores rexistros que o noso país.

O salario medio bruto español é de 22.605 euros ao ano, o que supón 2.751 euros máis que o galego. A fenda ensancha considerabelmente se a comparación a facemos con aqueles territorios con soldos máis altos, como Madrid ou Euskadi. Así, o salario en Madrid (27.172 euros) é 7.318 euros máis que aquí, e en País Vasco esa diferencia é de 6.000 euros anuais. Mais Galiza tamén ten peores soldos brutos que os territorios da súa contorna, como Castela-León ou Asturies.

Confirmación

Os dados da Enquisa anual de custo laboral veñen se sumar aos publicados nos últimos meses e que inciden na importante fenda existente entre Galiza e o Estado español e Europa en canto a desenvolvemento económico. Cómpre lembrar que as riqueza por habitante en Galiza segue afastada tanto do promedio europeo coma do español, como confirmaron en xuño pasado os dados de Euostat, a Oficina de estatística comunitaria. Se a media de renda per cápita na UE poñémola nun baremo de 100, Galiza fica no 83% desa riqueza, o que significa 17 puntos menos. Por comparar cos territorios da nosa contorna, Castela-León acada o 89%, Asturias o 84% e Cantabria o 86 por cento. Se a comparación facémola con Euskadi (122%), Madrid (128%) ou Catalunya (111%) a diferenza é abismal. De feito, o PIB por habitante en Galiza fica lonxe tamén da media do estado español. Se este é 100, nós estamos no 94, seis puntos menos.


 

Comentarios