Os salarios dos altos cargos altos aumentaron un 5% coa crise mentres os soldos baixos caeron un 14%

Un informe de CC OO destaca o medre en soldos máis altos, directivos e altos cargos durante estes anos, aumentando a fenda salarial.

Os salarios medios das e dos traballadores a tempo completo con ingresos máis baixos desplomáronse durante a crise nun 14%. Pola contra, os soldos dos empregados que máis gañan, dos altos cargos e directivos aumentaron en máis dun 5 por cento. Novos dados para evidenciar que a crise tivo gañadores e perdedores. Un informe de Comisións Obreiras elaborado polos economistas Carlos Martín, Luis Zarapuz e José Manuel Lago e recentemente presentado afonda nesta liña.

O estudo, que analiza o impacto económico que a crise tivo sobre a desigualdade, a pobreza e os salarios, revela que en 2008 o traballador dunha empresa que menos gañaba tiña un soldo medio bruto mensual de 655 euros, mentres que cinco anos máis tarde, en 2013, a retribución baixara un 14 %, até 563 euros. Recorte en salarios a quen menos percibía. Na outra banda, aqueles empregados que cobraban en 2008 máis de 4.346 euros mensuais de media por unha xornada de 8 horas, cobraban en 2013 un total de 4.575 euros, o que supón un incremento do 5,3%.

A relación entre os salarios máis altos e os máis baixos pasou de 5,9 a 1 a 8,1 a 1

Así pois, o informe vén confirmar que a fenda salarial entre os empregados que máis gañan e os que menos aumentou durante a crise “e fíxoo con forza”. “As ganancias medias dos traballadores que menos cobran, que xa eran reducidas antes da crise, baixaron aínda máis; mentres que os salarios altos seguiron a aumentar”.

Ao comezo da crise, os asalariados con ingresos máis altos gañaban de media 5,9 veces o soldo medio daqueles traballadores con soldos máis baixos. Mais esa fenda aumentou e agora a diferenza disparouse até o 8,1 veces o salario do que menos gaña.

Comentarios