Os salarios que soportaron máis recortes na crise foron os do sector primario e de actividades de servizos sociais

Desde 2009 o salario medio anual caeu en Galiza case un 3 por cento. Porén, ese descenso non foi igual en todos os sectores. Cales foron os máis golpeados?

salario-minimo-2014

En apenas un lustro, o comprendido entre 2009 e 2014, o salario medio anual galego baixou un 2,7% ao tempo que Galiza perdía por volta de 125.000 persoas asalariadas. Un impacto con consecuencias económicas e sociais. O Informe elaborado polo Gabinete técnico da CIG sobre as rendas de 2014 deixa ver diversas cuestións de interese, como a evolución nestes cinco anos do salario medio nas diferentes remas de actividade que hai en Galiza. Así, a propia central nacionalista destacaba no documento que “un claro factor de desigualdade salarial é a rama de actividade onde un traballador ou traballadora realice a actividade económica. Traballar nunha rama ou noutra pode significar gañar o dobre ou o triplo”.

A maior caída no salario medio anual neste período deuse no sector primario (que gañou 1.700 asalariados desde 2009): un 34,6% menos agora que en 2009. En ramas de actividade como a entidade financeiras e aseguradoras o SMA recortouse un 16%, mentres que nos asalariados de Servizos Sociais foi dun 7,4% e na categoría doutros servizos sociais e lecer a caída foi de máis dun 11%.

A CIG indica que, en base aos propios dados da Axencia Tributaria, os maiores ingresos salariais medios percíbenos as persoas traballadoras de entidades financeiras e aseguradoras (151,03% do salario medio). Moi preto, co 150% do salario medio, están as das industrias extractivas, enerxía e auga.

Desigualdade

Cómpre lembrar que o documento do sindicato nacionalista indica como desde 2009 baixaron os salarios e medrou a desigualdade, unha evolución preocupante. Así, un 31% das persoas asalariadas en Galiza cobra como máximo o salario mínimo interprofesional (SMI). Ou sexa, que un de cada tres traballadores que hai no noso país gañaron como máximo 6.800 euros en 2014. A isto hai que engadir que un total de 177.314 persoas asalariadas tivo nese ano uns ingresos inferiores á metade do SMI, é dicir, que ingresaron menos de 1.884 euros. Un 18,4% do total de traballadores en Galiza están nesta situación, un dato que amosa a precariedade salarial con toda crueza.

Comentarios