As Sicavs d@s ric@s galeg@s suman un patrimonio por riba dos mil millóns de euros

Case 3.500 contribuíntes en Galiza participan en sociedades de investimento colectivo, segundo dados da Axencia Tributaria española desvelados polo Faro de Vigo.

O gosto pola Sicav, a sociedade de tributación máis que ventaxosa (1%), segue tendo bos adeptos en Galiza. A Sicav é un refuxio privilexiado para patrimonios e beneficios dos ricos e millonarios (e non só deles). Que para participar delas (e, pois, beneficiarse da súa baixa tributación) se requira un alto capital é un claro exemplo do sistema de tributación que rexe actualmente.

O capital mínimo exigido para crear unha Sicav é de 2.400.000 euros.

Segundo desvelou o Faro de Vigo hai uns días, as principais Sicavs (sociedades de investimento de capital variábel) ben controladas ou ben cunha representación importante de galeg@s suman un patrimonio que supera os mil millóns de euros. Este xornal cita dados da Axencia Tributaria que cifra en case 3.500 as persoas que tributan no noso país e teñen unha participación nunha sociedade de investimento colectivo.

Faro de Vigo destaca que os grandes patrimonios galegos si que poden falar de recuperación. “O rendemento das carteiras despega desde finais do ano pasado”, nunha “senda alcista” que consolidaron nestes meses de 2014. “O patrimonio dos millonarios galegos aumenta en 236.000 euros diarios grazas ás Sicavs”, afirma este diario.

Nos primeiros cinco meses de 2014 a Comisión Nacional do Mercado de Valores (CNMV) recibiu 140 solicitudes para crear novas Sicavs, das que se autorizaron 70. O capital mínimo exigido para crear unha Sicav é de 2.400.000 euros.

Comentarios