Sindicatos agrarios valoran cos gandeiros convocar unha greve do leite

Os baixos prezos fan insostíbel a situación para os produtores, advirten, e auguran a desaparición dun gran número de explotacións de se manter esta situación.

Leite

Tres sindicatos agrarios (Sindicato Labrego Galego, Unións Agrarias e Xóvenes Agricultores) acordaron consultar nas diferentes comarcas os gandeiros de cara á convocar unha greve de entregas de leite a finais do presente mes de marzo, unha medida de denuncia e protesto ante a difícil situación do sector, afogado por uns baixos prezos que non se rexistraban desde 2012. Tamén a Federación Rural Galega (Fruga) emitiu un comunicado no que se adhire ás accións "que de forma colectiva se convoque desde o sector lácteo". 

O secretario xeral de Unións Agrarias, Roberto García, nunhas declaracións a Europa Press explicou que se está traballando para intentar pechar un calendario de mobilizacións en base ao consenso e a unidade das diferentes organizacións.

Así, esta quinta feira, delegacións dos sindicatos manterán unha xuntanza da que podería saír unha decisión definitiva sobre se convocar a folga. Quen xa se adiantou e así o fixo foi a Organización de Produtores de Leite (OPL) de Santa Comba -malia o nome non está recoñecida para negociar coa industria-, que chamou os gandeiros a unha folga a partires das doce da noite do 29 de marzo. Tamén convocan unha manifestación en Compostela para o día 24 deste mes.

 O prezo do leite en Galiza rexistrou en xaneiro unha nova queda até se situar en 30,5 céntimos o litro, segundo os dados feitos públicos polo Fondo español da garantía agraria. En decembro, o mes anterior, o prezo era de 31,9 céntimos. O sector lácteo galego comezou 2015 cuns prezos que non se lembraban desde 2012, a cotización máis baixa logo nestes tres anos.

Ese prezo que se lle paga aos gandeiros de Galiza cae a un mínimo que non se rexistraba desde o segundo semestre de 2012 e fica a piques de baixar de 30 céntimos o litro, o que supón entrar nunha dinámica de perdas importantes. Cómpre lembrar que en 2012, cando o leite caeu por baixo dos 30 céntimos, deu lugar a unha folga de entregas do leite. Aos gandeiros galegos pagóuselle en xaneiro 8,7 céntimos menos por litro que doce meses antes, un período de baixas continuadas.

Desde a Fruga apuntan como "responsábel" desta situación ao goberno galego e urxen a Consellaría de Medio Rural a "reverter" o contexto no que se atopa o sector. "Resulta imprescindible que a conselleira convoque a tódolos axentes que formamos parte do sector lácteo, dende distribución, ata representantes dos produtores, sen ningún tipo de exclusión. E intentar que nestas negociacións, se cheguen a acordos que permitan cobrar o leite por encima dos custos de produción", sinalan. 

Comentarios