O monopolio privado fixo subir a factura da luz un 78% en só dez anos

Segundo un estudo publicado pola organización de consumidor@s e usuari@s Facua, as cinco empresas que ostentan o monopolio eléctrico español --Hiberdrola, Endesa, Gas Natural Fenosa, E.On e Hidrocantábrico Enerxía-- aceleraron o incremento dos prezos xustamente ao estalar a crise capitalista.

photo_camera [Imaxe: Facua]


En dez anos, a privatización da electricidade no Estado español traduciuse nun incremento medio dos prezos nun 78%. Entre 2003 e 2013, o monopolio que ostentan cinco grandes operadores privados --Endesa, Iberdrola, Gas Natural Fenosa, E.On e Hidrocantábrico Energía-- levou á cidadanía a pagar de 43,47 euros aos 77,37 que tivo que abonar en outubro do ano que vén de rematar. O que empeza arrinca cunha nova subida da luz. 

Tomamos os dados dun informe realizado pola organización de consumidor@s e usuari@s Facua en que analiza o incremento dos prezos da electricidade entre 1993 e 2013. Na documentación que inclúe o devandito documento obsérvase como as empresas antes citadas aproveitaron o estalido da crise capitalista, datado en 2008, precisamente para pisar a fondo o acelerador na escalada dos prezos. De aí en diante, o consumo medio incrementouse en máis do 60%, pasando dun recibo mensal de 50,20 euros en xaneiro de 2008 a 80,47 euros en marzo de 2013. 

En tres anos duplicouse o número de familias que piden axuda para pagar a luz

Esta subida imparábel dos prezos derivou en que as cinco empresas eléctricas non pecharan exercicio ningún sen beneficios. A luz no Estado español é a terceira máis cara dos países que fan parte da Unión Europea, unicamente superada por Chipre e Irlanda. E o 60% desa enerxía que se consome no Estado prodúcese na Galiza. En volume de negocio, Iberdrola é a quinta empresa máis próspera do territorio da UE; Endesa é a sexta e Gas Natural Fenosa é a décima. 

Namentres a presión social levou ao Goberno español a non permitir que estas empresas engordasen máis aínda os seus capitais incrementando os prezos nun 11,5% a partir de xaneiro --Rajoy si permitirá, porén, unha suba do 2,3%--, en 2012 foron 400.000 os fogares do Estado que sufriron cortes de luz ao non poder facer fronte aos recibos. Entre 2007 e 2010 o número de familias que piden axuda a organizacións coma Cáritas para pagar a luz multiplicouse por dous. En 2014 @ usuari@ medi@ pagará no mínimo 1,78 euros máis cada mes pola electricidade.

Comentarios