A Xunta non presentou ningunha alegación á proposta da UE de prohibir o ‘xeito’

Bruxelas confirma que durante o trámite de consultas non recibiu proposta algunha do goberno galego. “Repítese o desleixo habitual da Xunta á hora de defender o sector pesqueiro” di Ana Miranda.

xeito

A Xunta non enviou ningunha alegación á Comisión Europea no trámite de consultas aberto por Bruxelas (entre marzo e setembro de 2013) sobre a proposta normativa de prohibir as redes á deriva a partir de xaneiro de 2015. Unha proposta que ameaza a unha arte sostible, selectiva e tradicional de Galiza como é o ‘xeito’ (420 barcos, por volta de mil mariñeiros). A portavoz do BNG na Eurocámara , Ana Miranda cualificou de “irresponsabilidade política” que o goberno galego non tivese enviado ningunha alegación.

“Unha vez máis o Goberno da Xunta estivo totalmente ausente na defensa do sector pesqueiro galego en Bruxelas, como acaba de confirmar o Executivo da Unión Europea na Comisión de Pesca da Eurocámara. Ningún goberno, nin o español, nin o galego, enviaron alegacións solicitando a exclusión do xeito da prohibición das redes a deriva a partir de xaneiro de 2005”, denuncia Miranda.

Miranda considera que a proposta da UE “é unha verdadeira provocación, formulada desde a total ignorancia do que é a arte do xeito e do que representa para a economía na Ría de Arousa, Pontevedra ou Vigo”.

Unha “ignorancia” da realidade do país que a Xunta non fixo nada por corrixir, “cando tiña que ter informado, xa hai un ano, á Comisión Europea sobre a existencia do xeito e o impacto dunha medida horizontal prohibitiva semellante á que pretende aprobar o executivo comunitario”.

Apoios ao xeito na Eurocámara

Miranda xa mantivo estes días reunións coa ponente do Parlamento Europeo para este tema, a italiana Renata Briano, “que está totalmente a favor de apoiar ao xeito, por tratarse dun arte de pesca artesanal”, e co propio presidente da Comisión de Pesca da Eurocámara, o bretón Alain Cadec, “quen transmitiu tamén o apoio ao sector do xeito galego porque considera que a proposta da Comisión non está fundamentada nin analizou o impacto económico dunha medida semellante.

Lidia Senra: "Debe ser excluída"

A eurodeputada Lidia Senra defendeu a exclusión do 'xeito' da prohibición de artes á deriva, sinalando que se emprega en Galiza desde o século XIV, que é unha arte pesqueira selectiva que se emprega en puntos moi próximos á costa e que "dependen mil familias dela". 

Millán Mon oponse

O Partido Popular informou do posicionamento amosado polo seu eurodeputado, Francisco Millán Mon, quen di "oponse" á prohibición da pesca con rede de enmalle. Así o aseguran após as críticas da europarlamentar do Bloque, Ana Miranda. 

Millán Mon asegura que a prohibición desta arte pesqueira suporía un "impacto socieconómico serio para Galiza, onde máis de 400 embarcacións" viven do xeito. "Gostaría de que a Comsión reformule a súa proposta", sinalou ao tempo que, dixo, ve "esperanzador que o comisario de Pesca se distanciase da proposta" inicial.

Pola súa banda, José Blanco (PSOE) tamén solicitou que o xeito sexa excluído da prohibición e lanzou un chamamento a tod@s @s europarlamentares "españois" a apoiaren esta arte tradicional. 

Comentarios