O pésimo estado das rías galegas e a primeira mobilización conxunta do soberanismo galego, no número 37 do Sermos Galiza

O número 37 do Sermos Galiza xa está no prelo. O pésimo estado das rías galegas e a primeira mobilización conxunta do soberanismo galego son os elementos centrais da súa capa, ben como a grave crise que vive a Real Academia Galega (após a demisión de Ferrín) e a reforma da Lei de Costas do PP, un texto lexislativo que pon no mercado o litoral galego.



Nova entrega do Sermos Galiza, cheo de argumentos para a análise e de información alternativa. Desta volta o tema da semana co que abrimos o semanario é o estado das Rías Galegas, riqueza derramada como reza a manchete, o titular, da capa. A seguir, a sección de Opinión oferece un artigo de Bruno Lopes, secretario de Organización de Nós UP, sobre a mobilización conxunta do soberanismo galego programada para este 3 de Marzo en Santiago (12 horas, Praza da Alameda) e unha outra peza da autoría de Pilar García Negro sobre a situación pola que atravesa a Real Academia Galega.


Entrevistas ben interesantes aparecen neste número 37, desde unha conversa co fiscal anticorrupción Jiménez Villarejo até unha charla co escritor e poeta Miro Villar. Sobre a contrapa debrúzase un auténtico fenómeno editorial en Portugal, João Ricardo Pedro, autor do best seller O teu rosto será o último.

O suplemento AFONDO -coordenado por Xabier P. Igrexas- esculca un asunto da máxima actualidade, o da corrupción, mas non só na súa fasquía máis superficial, senón investigando o entramado de relacións sociais que a producen e quen beneficia delas.

Os caprichos millonarios do dono de Zara, a epopea do movemento popular que evitou o despexo da coruñesa Aurelia Rey e o recente congreso constituínte de Sortu son tamén argumentos que completan esta nova entrega do Sermos Galiza.


Comentarios