Moncloa retira a embaixadora española en Bos Aires polo conflito con Milei

O presidente arxentino negouse a pedir as desculpas demandadas por Pedro Sánchez polos comentarios sobre a súa muller.
O ministro español de Asuntos Exteriores, José Manuel Albares, esta terza feira, en rolda de prensa. (Foto: Alejandro Martínez Vélez / Europa Press)
photo_camera O ministro español de Asuntos Exteriores, José Manuel Albares, esta terza feira, en rolda de prensa. (Foto: Alejandro Martínez Vélez / Europa Press)

Segue a escalar o conflito diplomático entre o Estado español e Arxentina a raíz das polémicas declaracións do presidente arxentino, Javier Milei, o pasado domingo nun acto organizado en Madrid polo partido ultradereitista Vox. O ministro español de Asuntos Exteriores, José Manuel Albares, vén de anunciar que Moncloa retirará a súa embaixadora en Bos Aires, María Jesús Alonso, de forma definitiva, ante a ausencia das demandadas desculpas a Milei. Esta segunda feira Albares convocara o embaixador arxentino en Madrid, Roberto Bosch, para trasladarlle o seu malestar.

"A embaixadora quedará definitivamente en Madrid, Arxentina queda sen embaixadora", dixo o ministro en rolda de prensa, xustificando este movemento en que "a situación non mudou". Tamén defendeu que as institucións españolas "non fan política exterior con chíos —aludindo á destacada presenza de Milei na rede social X nas últimas horas para confrontar o Goberno español— nin participan en ningún show".

"Para quen queira entendelo, a colaboración sempre é máis poderosa que a confrontación", engadiu. E preguntado sobre a intención de Milei de voltar ao Estado español o vindeiro 21 de xuño, avanzou que Moncloa analizará "en detalle" que tipo de visita "quere facer" o presidente arxentino, e asegurou que, na súa primeira visita, na que non visitou o Congreso nin se reuniu co Goberno ou o xefe de Estado —o rei Felipe VI— e acudiu unicamente a un acto de Vox, "o Estado puxo todos os medios para acollelo coa hospitalidade e dignidade que merece o cargo que representa".

Alonso xa fora chamada a consultas tras estoupar a crise. A embaixada estará encabezada por un encargado de negocios.

"Non saben que tipo de sociedade e país pode producir o socialismo, que calaña de xente aparafusada no poder e que niveis de abuso pode chegar a xerar. Aínda cando teña a muller corrupta, digamos ensucia, e tome cinco días para pensalo", dixo Milei. Unhas palabras polas que Moncloa demandou unha rectificación pública que, lonxe de se producir, avivou o lume entre ambos os gobernos.

O líder arxentino arremeteu após o anuncio de Albares contra a decisión, que definiu como “un disparate propio dun socialista”, e reduciu a crise diplomática a un asunto de “índole persoal”. Tamén acusou Sánchez de “covarde” por resgardarse nas “saias das mulleres” do seu espazo político, o PSOE, e “mandalas a agredirme”.

Asemade, criticou que o ministro de Transportes español, Óscar Puente, o acusara de inxerir “substancias”, insistindo en que Sánchez “non é España”, un argumento semellante ao usado por Santiago Abascal, presidente de Vox, o seu principal aliado 
no Estado.

Milei tamén afirmou que Pedro Sánchez "traballa para o kirchnerismo" co obxectivo de "sabotar" o seu Goberno. "Non lle vou pedir desculpas baixo ningún punto de vista, se eu fun o agredido. Hoxe en todo o mundo fálase dos casos de corrupción da muller por tráfico de influencias e até apertaron un xuíz, e el está involucrado. [...] Cando dixen a frase nunca mencionei a ninguén, autoincrimínase. A Sánchez non lle quedou outra que sumarse a pegarme", expresou Milei, que tamén defendeu que a relación entre o Estado español e Arxentina "non se vai romper, porque as relacións non as constrúen os mandatarios, senón a xente".

Manuel Adorni, voceiro do Goberno arxentino, anotou que non retirarán o responsábel diplomático arxentino no Estado español, reiterando que “non hai  ningún conflito”.

Após as críticas das grandes empresas españolas, que se reuniron na fin de semana con Milei, ás súas declaracións, Vox e o Partido Popular (PP) ficaron illados nos seus ataques a Sánchez. Alberto Núñez Feixoo, líder do PP, inculpou o presidente por actuar por “intereses electorais”, cuestionando que non retirara o embaixador en Rusia pola invasión de Ucraína.

Pola súa banda, a Unión Europea (UE) sinalou que os ataques persoais "non son aceptábeis". Ademais, transcendeu o informe da Garda Civil que fora solicitado polo xuíz Juan Carlos Peinado, que abriu unha causa contra Gómez, e que corrobora que non hai indicios do tráfico de influencias denunciado pola ultradereitista Manos Limpias.

Amnistía

No tocante á lei de amnistía ás persoas independentistas catalás represaliadas polo Estado español, as voceiras e voceiros dos grupos parlamentarios no Congreso fixaron para o 30 de maio o debate e a votación final do texto, que previsibelmente será aprobado despois do rexeitamento do Senado, controlado polos conservadores.

Comentarios