Israel lanza outro ataque contra a cidade de Gaza entre ameazas de levar o Líbano á "Idade de Pedra"

As avogadas de Netanyahu piden atrasar o xuízo por corrupción a 2025.
O primeiro ministro de Israel, Benjamin Netanyahu, visitando as súas tropas no norte de Gaza. (Foto: Avi Ohayon / GPO / DPA)
photo_camera O primeiro ministro de Israel, Benjamin Netanyahu, visitando as súas tropas no norte de Gaza. (Foto: Avi Ohayon / GPO / DPA)

Mentres as persoas que aínda resisten no barrio de Shujayea, na cidade de Gaza, estaban a quinta feira a encher recipientes con auga do camión cisterna que acababa de chegar, no medio da fame e da escaseza masiva de subministracións, “comezou o bombardeo” israelí, explicou Omar Sukar, residente na zona, á axencia AFP.

Ao tempo, a axencia Reuters informou de que os tanques sionistas ingresaran no barrio, ao que a resistencia palestina respondeu atacando os blindados, sinalou a forza palestina Hamás, que goberna Gaza.

No norte da Faixa, onde se sitúa a cidade de Gaza, as tropas israelís xa se retiraran con anterioridade sostendo que Hamás fora eliminado, pese ao que non é a primeira ofensiva que desenvolven na zona desde a retirada.

A operación comezou no medio dun choque entre o primeiro ministro do Goberno de extrema dereita israelí, Benjamin Netanyahu, e o Exército, que indicou que un dos obxectivos fixados polo Executivo, a destrución de Hamás, é irreal.

Amais, o seu equipo legal aproveitou a agresión militar contra a Faixa, que persoas expertas da Organización das Nacións Unidas (ONU) consideran un xenocidio, para reclamar que a súa declaración nun caso no que está acusado de corrupción se atrase a marzo de 2025.

Ameazas ao Líbano

Ao tempo, o titular de Defensa, Yoav Gallant, contra o que, como Netanyahu,  o Tribunal Penal Internacional pediu ordes de arresto por crimes de guerra e contra a humanidade, reiterou nunha visita aos Estados Unidos, o seu principal aliado e provedor de armas, que poden levar o Líbano “de volta á Idade de Pedra” se lanzan un ataque contra Hezbolá. Con todo, os medios especializados cuestionan que Israel poida ter éxito nese ataque.

Comentarios