A candidata verde recada máis de 3 millóns de dólares para un novo escrutinio en Pennsylvania, Michigan e Wisconsin

As eleccións nos EUA poderían non estar aínda fechadas. Sectores do Partido Demócrata, formalmente non respaldados por Clinton, axitan a ideia de que se producise un ciberataque en Pennsylvania, Michigan e Wisconsin -os estados chave na vitoria de Trump- a prol do republicano.

Voto electrónico EUA

A lexislación estadounidense permite a recontaxe dos votos dun dado estado sempre que se asuman os custos do novo escrutinio e existan indicios racionais de irregularidades. Quen está a recadar o diñeiro preciso para acometer a tarefa é Jill Stein, a candidata do Partido Verde. A súa campaña leva xa recadados máis de tres millóns de dólares. A cantidade, segundo fontes da súa formación, é aínda insuficiente. Pagar a minuta dos despachos de avogados e do persoal que tería de realizar a contaxe manual dos votos emitidos podería ascender a unha cifra superior aos 6 millóns de dólares.

O prazo para demandar unha revisión do escrutinio varía en función dos Estados: en Wisconsin conclúe esta mesma sexta feira, a próxima segunda feira remata en Pennsylvania e o último momento para o recurso en Michigan será as 24 horas da cuarta feira 30 de novembro.

En Michigan a diferenza entre Trump e Clinton é de apenas 0,2 por cento dos sufraxios (10.704 votos), mentres que en Wisconsin o abano se abré até chegar ao 0,8 (22.525). A vitoria en Pennsylvania xa é ben máis clara para Trump, cunha marxe do 1,2 por cento e un marcador a favor do republicano de 70.010 votos.

Sectores do partido demócrata -detrás dos que se acharía o polémico secretario de imprensa de Clinton, John Podesta- alentan a sospeita de que o voto electrónico fose hackeado nos tres estados chave da vitoria de Trump. Afirman que os resultados do republicano naqueles condados en que o sufraxio se puido emitir através dunha máquina foron notoriamente superiores a aqueles en que o voto era en urna. Nisto non existe consenso entre os expertos. Hainos que afirman que as diferenzas non son distintas ás do resto dos EUA -e que teñen máis a ver con cuestións como a raza ou o nível económico- ao tempo que alegan a extrema dificuldade técnica de realizar un ciberataque destas características, sendo que o sistema informático está moi descentralizado e que os Estados reforzaron o sistema de ciberseguranza nas vésperas do 8N.

Mais existe un caldo de cultivo para a hipótese conspiranoica, nomeadamente despois de a Administración Obama ter apontado diretamente Moscova como responsábel hai semanas do hackeo do sistema informático dos cuarteis xenerais do partido demócrata e da administración eleitoral de diversos estados. A CIA está persuadida de que foron os servizos secretos rusos os que forneceron a Wikileaks os correios electrónicos de Clinton filtrados pola plataforma de Julian Assange durante a campaña. Na correspondencia da candidata demócrata aparecía, entre diversos materiais, a súa vinculación con Goldman Sachs -escrebeu discursos pagos pola financeira-, unha noticia que reforzou o seu perfil como abandeirada do establishment.

A esta altura non é nada probábel, aliás, que Clinton dea o paso de respaldar a campaña de Still para recontar os votos en Pennsylvania, Wisconsin e Michigan, aínda que só sexa porque para conseguir dar a volta ao resultado a demócrata tería de se facer coa vitoria en todos e cada un deles. A marxe pola que perdeu en Wisconsin e Michigan foi realmente pequena, mais en Pennsylvania cedeu perante Trump por un 1,2 por cento, unha distancia aparentemente insalvábel.

A elección de Trump como presidente só se producirá materialmente se o colexio eleitoral, a se reunir o próximo 19 de decembro, lle outorga a maioría de votos. De acordo cos resultados do 8N, o republicano contaría con 290 votos eleitorais face os 232 de Clinton.

Comentarios