O Estado español, Irlanda e Noruega oficializan o recoñecemento de Palestina como Estado

Após o asasinato de máis de 36.000 persoas en Gaza, Bruxelas comeza a separarse da posición fixada por Washington co recoñecemento de Palestina por parte de dous Estados da UE e o debate sobre sancións a Israel.

Unha crianza palestina sentada nun campo de tendas de campaña atacado e incendiado por Israel, a segunda feira. (Foto: Rizek Abdeljawad / Europa Press)
photo_camera Unha crianza palestina sentada nun campo de tendas de campaña atacado e incendiado por Israel, a segunda feira. (Foto: Rizek Abdeljawad / Europa Press)

O Consello de Ministras e Ministros español formalizou a terza feira o recoñecemento de Palestina como Estado, anunciado a pasada semana, nas fronteiras de 1967, un territorio que “debe ser, en primeiro lugar, viábel, con Cisxordania e Gaza conectadas por un corredor e con Xerusalén Leste como a súa capital, e unificadas baixo o Goberno lexítimo da Autoridade Nacional Palestina (ANP)”, detallou o presidente español, Pedro Sánchez (PSOE).

O mandatario incidiu en que esta posición “está plenamente aliñada coas resolucións do Consello de Seguridade de Nacións Unidas (ONU)” e coa postura “tradicional” da Unión Europea (UE), salientando que “non recoñeceremos cambios nas liñas fronteirizas de 1967 que non sexan os acordados polas partes”, en alusión aos lindes previos á coñecida como guerra dos Seis Días, na que o Estado sionista de Israel lanzou un ataque que o levou a colonizar a Faixa de Gaza, Cisxordania -incluída Xerusalén Leste-, a exipcia península do Sinaí e os sirios Altos do Golán. Así e todo, antes do conflito Israel xa controlaba un territorio moi superior ao aprobado pola ONU no plan de partición de Palestina, que creou o Estado israelí.

Asemade, Sánchez reiterou que apoiarán a ANP, “o noso socio para a paz”, centrando os esforzos en “facer realidade a solución dos dous Estados” e facendo un chamamento “a un alto o fogo permanente, á entrada de axuda humanitaria e á liberación inmediata dos reféns israelís en mans de Hamás”, nunha intervención na que subliñou que a “decisión histórica” non vai contra Israel, un “pobo amigo”, e busca contribuír a que “alcancen a paz”.

Madrid deu este paso conxuntamente con Irlanda e Noruega. Desde Dublín, o primeiro ministro Simon Harris remarcou que “envía un sinal ao mundo de que hai accións prácticas que se poden tomar como país para axudar a manter viva a esperanza e o destino dunha solución de dous Estados” cando “outros” tratan de “bombardeala até o esquecemento”. Sexa como for, admitiu que “Europa podería estar facendo moitísimo máis”, reclamando que se estuden sancións económicas a Israel.

Por parte de Oslo, o titular de Exteriores, Espen Barth Eide, asegurou que constitúe un “fito na relación entre Noruega e Palestina”, así como que o país nórdico “foi un dos máis firmes defensores dun Estado palestino”. Á vez, sostivo que é “lamentábel que o Goberno israelí non amose sinais de comprometerse de maneira construtiva”. Hai máis de 15 anos que non se desenvolven conversas de paz substanciais entre as partes.

Dez países na UE xa recoñecen Palestina

Isto eleva a 146 a listaxe de territorios que recoñeceron Palestina, mais apenas dez están na UE. Con todo, co Estado español e Irlanda a cifra de países que o fixeron tras entrar no bloque comunitario ascende a tres, e posibelmente serán catro, ao confirmar o primeiro ministro esloveno, Robert Golob, que a quinta feira o seu Goberno tomará unha decisión que remitiría ao Parlamento para que sexa ratificada.

Tras anunciarse o recoñecemento o 22 de maio, o Estado israelí chamou a consultas as e os seus representantes diplomáticos nas tres capitais europeas, e as embaixadoras e embaixadores destes Estados en Israel foron convocados para proxectarlles un vídeo con fragmentos da operación da resistencia palestina do 7 de outubro, amais de prohibir ao consulado español en Xerusalén dar servizo a persoas palestinas.

Nesta ocasión, o ministro de Exteriores do Executivo de Benjamin Netanyahu, Israel Katz, reaccionou acusando Sánchez de ser “cómplice de incitación ao xenocidio do pobo xudeu e de crimes de guerra”, e de non destituír a vicepresidenta segunda Yolanda Díaz (Sumar), por defender a “desaparición do Estado de Israel e o estabelecemento dun Estado terrorista islámico palestino”.

O responsábel de Asuntos Exteriores español, José Manuel Albares, adiantou unha resposta coordinada con Irlanda e Noruega “ás provocacións” de Katz, apuntando que busca desviar a atención “das decisións da Corte Internacional de Xustiza (CIX)” ou dun hipotético “alto o fogo”, que o líder israelí, Benjamin Netanyahu, bloqueou.

O recoñecemento de Palestina, a petición dunha orde de captura da Fiscalía da Corte Penal Internacional (CPI) contra Netanyahu por crimes de guerra e contra a humanidade e a orde da CIX de paralizar o asalto a Rafah, ignorada por Israel, están a afastar cada vez máis Bruxelas da posición fixada polos Estados Unidos de América (EUA), o que se traduciu en que “por primeira vez nunha reunión da UE, de maneira real, vin unha discusión significativa sobre sancións a Israel”, explicou Micheál Martin, ministro de Asuntos Exteriores irlandés, no caso de que non cumpra a orde xudicial.

A Comisión Europea xa iniciou o procedemento para convocar unha reunión do Consello de Asociación entre o bloque comunitario e Israel co fin de exixir que cumpra coa resolución da CIX, entre outras cuestións.

BNG, ERC ou Sumar piden romper relacións

O voceiro do Partido Popular (PP) no Congreso, Miguel Tellado, cualificou o recoñecemento de Palestina como unha “cortina de fume” por parte de Pedro Sánchez, ao que inculpou de “crear un conflito diplomático con Israel”, unha mensaxe similar á da ultraespañolista Vox, que por medio do seu presidente, Santiago Abascal, atribuíu a decisión a unha tentativa de “ocultar” a súa “corrupción”, aseverando que “alimenta” Hamás.

Pola súa parte, Íñigo Errejón, portavoz de Sumar, socio minoritario do Goberno de coalición estatal, reclamou a ruptura de relacións, namentres un dos voceiros de Podemos, Javier Sánchez Serna, engadiu que se debería aplicar un embargo total á compravenda de armas.

A líder do Bloque Nacionalista Galego (BNG), Ana Pontón, fixo énfase en que é “insuficiente para frear o xenocidio”, no marco do que foron asasinadas máis de 36.000 palestinas e palestinos, e insistiu na necesidade de romper relacións e acabar coa venda de armas.

Desde Esquerra Republicana (ERC), a súa candidata ao Parlamento Europeo, Diana Riba, tamén pediu rachar as relacións, ao tempo que Oihane Agirregoitia, candidata do Partido Nacionalista Vasco (PNV), valorou o “xesto político”, e Oskar Matute, de Bildu, demandou “redobrar a presión” contra Israel.

Comentarios