Felipe González usa as 300.000 mortes da guerra dos Balcáns para que Catalunya recúe na súa ansia soberanista

Foi nun cara a cara entre o ex presidente español e o presidente da Generalitat, Artur Mas, organizado por un programa de televisión e onde González pronunciou os mesmos argumentos e as mesmas ameazas que tería empregado Mariano Rajoy para dar, tamén, a mesma resposta: "non".

felipe
photo_camera [Imaxe: Salvados]


O presidente da Generalitat, Artur Mas, sentou a debater sobre o dereito de autodeterminación do pobo catalán co ex presidente do Goberno español Felipe González, dada a negativa de Mariano Rajoy a dialogar. Nun debate organizado polo programa de televisión Salvados, Mas intentou que González entendera a importancia do referendo que Catalunya ten previsto realizar en setembro, mais a resposta que recibiu foi a mesma que lle daría Rajoy: "non".

E non foi só a mesma resposta. Foron tamén os mesmos argumentos. As mesmas ameazas. Insistíu o político do PSOE en que "a vía cara á conquista da autodeterminación é inexistente", en que "na UE están aterrados ao pensar nunha desarticulación territorial interna a respeito dos estados-nación que conforman Europa" e chegou a desenterrar @s 300.000 mort@s dos Balcáns para sinalar "as consecuencias das decisións unilaterais". 

"Por debaixo do que se ve, en Europa non hai neutralidade; hai unha política de rexeitamento moi profundo", continuou Felipe González. Pola súa banda, Artur Mas insistíu en que a súa "obriga" é realizar a consulta soberanista e explicou que o que están a intentar é "que se faga de maneira acordada co Goberno central e as institucións do Estado".

González non se moveu da súa posición. Advertiu de que tod@s @s president@s que no futuro cheguen a Moncloa seguirán sen recoñecer o estado catalán e das consecuencias "tráxicas" --que non matizou-- de espertar o nacionalismo español. O ex presidente foi contundente cando dixo que "non é posíbel a independencia e, ademais, eu sinto que non é desexábel". E concluíu: "Se algunha vez hai que decidir, que non o creo, eu teño tanto dereito a decidir coma o presidente Mas".

Comentarios