O Goberno de extrema dereita arxentino rexeita distribuír 5.000 toneladas de comida

A pobreza afecta a arredor de 60% do país por mor das políticas de Milei.
O presidente arxentino, o ultradereitista Javier Milei, esta semana. (Foto: Matías Baglietto / Europa Press)
photo_camera O presidente arxentino, o ultradereitista Javier Milei, esta semana. (Foto: Matías Baglietto / Europa Press)

Antes da chegada da ultradereita ao poder na Arxentina a finais de 2023, o Executivo progresista adquiriu cinco millóns de quilos de alimentos non perecedoiros. Despois de confirmar a súa existencia, o voceiro do Goberno de Javier Milei, Manuel Adorni, sostivo que “é unha magoa enorme” que non foran repartidos, mais fontes gobernamentais ratificaron que non teñen ningunha intención de distribuílos, recolleu a sexta feira o xornal Página12.

Esta revelación produciuse no medio dunha campaña gobernamental contra os comedores sociais, que inclúe un intento de expulsar os movementos sociais da súa xestión e o freo á entrega de alimentos e fondos a estes centros. Até 27 deles foron asaltados polas forzas de seguridade.

“O que quere Milei non só é levar adiante un axuste brutal, senón directamente romper o tecido social, non hai outra explicación para esta brutalidade”, incidiu Alejandro Gramajo, secretario xeral da Unión de Traballadores e Traballadoras da Economía Popular (UTEP). A alimentación de catro millóns de persoas, sobre todo crianzas, depende dos comedores sociais.

Comentarios