Face a pasividade cúmplice do seu principal valedor internacional, os EUA, o goberno golpista de Exipto, basicamente en mans do complexo militar que domina o país desde hai décadas, intensifica a súa estratexia represiva.
As forzas de seguranza exipcias detiveron de madrugada no seu piso o dirixente dos Irmáns Musulmáns, Mohamed Badie, quen mora moi pertiño da praza Rabba al-Adawiya, na que a pasada cuarta feira centos de islamistas foron mortos a tiros -masacrados, estaban desarmados- durante as cargas policiais contra a concentración de partidarias e partidarios de Morsi.
A escalada represiva continúa face a pasividade cúmplice do principal valedor internacional do Cairo, os EUA
'En cumprimento da decisión da fiscalía e grazas á información recollida sobre os seus movimentos é como ten sido posíbel, grazas á dirección dos servizos de seguridade do Cairo, deter o guía espiritual dos Irmáns Musulmáns, Mohamed Badie', afírmase nun comunicado do Ministerio do Interior.
Badie, de 70 anos, foi acusado o 10 de Xullo, unha semana despois da destitución do presidente Morsi, de inicitar a violencia. Tanto el como outros dirixentes dos Irmáns Musulmáns, como Khairat el-Shater, comparecerán diante dun tribunal o 25 de Agosto pola presunta implicación no asasinato de 8 manifestantes diante da sede da súa organización político-relixiosa no mes de Xuño.