Irrompen no sorteo da Lotaría para berrar pola sanidade pública e contra os despedimentos en Telemadrid

Pola volta de dúas ducias de persoas aproveitaron a retransmisión en directo do sorteo para sentaren entre o público do Teatro Real da cidade española. No intre en que cantaron o primeiro premio, erguéronse lucindo batas brancas contra a privatización ou unha copia ampliada do décimo 00925, o número de empregad@s que irán á rúa co ERE do PP madrileño
photo_camera [Imaxe tirada do Twitter]


As protestas en contra da privatización da sanidade e dos despedimentos na televisión pública madrileña, Telemadrid, chegaron este sábado até o Teatro Real da cidade española, onde se realiza a retransmisión en directo do sorteo da lotaría. Traballador@s da mencionada canle aproveitaron para se presentaren na gala cunha copia en grande do número co cal tentaron á sorte, o 00925, en referencia ao número de postos de traballo que contempla o ERE presentado polo Goberno madrileño, que preside Ignacio González (PP).

No momento en que se cantou o primeiro premio, erguéronse e amosaron cartaces co lema 'Non ao ERE en Telemadrid'. Tod@s @s empregad@s que conseguiron sentar entre o público, e que se atopan en folga indefinida desde esta cuarta feira, foron desaloxadas. Segundo informan nas redes sociais, a protesta transladárona a unha administración de lotaría que vendera décimos premiados, perante a previsíbel visita dos medios de comunicación.

Os servizos de seguridade fixeron o propio coa ducia de cidadá(n)s que entraron no Teatro e entre os cantos d@s nen@s de San Ildefonso coaron os seus berros en prol dunha sanidade pública. Dúas mulleres ataviadas cunha bata branca puxéronse de pé e berraron 'A sanidade, pública!'. Porén, @s comentaristas encargad@s da retransmisión, a través da canle pública española TVE, obviaron a súa presencia.

Comentarios