Israel e os Estados Unidos atacan a petición de ordes de arresto no tribunal da Haia contra Netanyahu e Gallant

A solicitude dunha orde de detención contra o primeiro ministro israelí e o titular de Defensa dá un novo golpe aos intentos sionistas de lexitimar o xenocidio en Gaza e divide os seus aliados.
Persoas palestinas revisan os danos tras a saída dos militares israelís de Khan Younis, en Gaza, a terza feira. (Foto: Abed Rahim Khatib / DPA vía Europa Press)
photo_camera Persoas palestinas revisan os danos tras a saída dos militares israelís de Khan Younis, en Gaza, a terza feira. (Foto: Abed Rahim Khatib / DPA vía Europa Press)

As “nacións do mundo civilizado” deben oporse á solicitude da Fiscalía da Corte Penal Internacional (CPI) para que se emitan ordes de arresto contra o primeiro ministro israelí, Benjamin Netanyahu, e o ministro de Defensa, Yoav Gallant, por crimes de guerra e contra a humanidade, sostivo a terza feira Tal Heinrich, voceira do Goberno de extrema dereita israelí. O propio Gallant subliñou que non recoñecen o tribunal e que se trata dun intento “vergoñento” de interferir na agresión militar israelí contra Gaza, que persoas expertas da Organización das Nacións Unidas (ONU) cualifican como un xenocidio e unha limpeza étnica.

Horas antes, Netanyahu, como é habitual perante as críticas ao réxime de apartheid sionista, considerou como “antisemita” a decisión da Fiscalía, que tamén demandou ao tribunal ordes de detención contra o líder de Hamás, Ismail Haniyeh, o responsábel en Gaza, Yahya Sinwar, e o  xefe da póla armada do grupo, Mohamed Diab al Masri.

Netanyahu e Gallant foron acusados dunha política de Estado que inclúe o exterminio das persoas palestinas na Faixa, usando a fame como método de guerra, mentres que os líderes da organización palestina que goberna Gaza foron inculpados tamén de exterminio e delitos vinculados coa detención de persoas israelís desde a operación da resistencia palestina do 7 de outubro e as condicións do seu cativerio.

Como mínimo 35.647 palestinas e palestinos, 40% crianzas, foron asasinados por Israel desde outubro, ao tempo que a cifra de persoas falecidas en Israel na operación palestina é de 1.139 tras sucesivas revisións.

A liña narrativa principal das autoridades israelís pivota arredor de que se trataría dun ataque contra o Estado e a súa soberanía. Incluso Yair Lapid, líder da oposición e un dos principais críticos de Netanyahu, a apoiou, propondo que o primeiro ministro se apreste a impulsar conversas para normalizar as relacións con Arabia Saudita, que recollan unha vía para a creación dun Estado palestino, apuntando que isto podería disuadir a CPI de proseguir coa acusación.

Fin da impunidade

Este discurso unificado foi rachado pola entidade israelí de dereitos humanos B’Tselem, que celebrou que “a era da impunidade para os responsábeis da toma de decisións israelís rematou”, incidindo en que a medida xudicial constitúe unha oportunidade para que as persoas do Estado “nos decatemos do que deberíamos ter entendido hai moito tempo, que defender un réxime de supremacía, violencia e opresión implica necesariamente crimes e graves violacións dos dereitos humanos”.

Os líderes israelís “intentan conter as consecuencias” do anuncio da Fiscalía, detalla a axencia AP. Neste sentido, apostaron por achegarse aos seus aliados, a inmensa maioría países membros ou da contorna da Organización do Tratado do Atlántico Norte (OTAN), o que, sinala a canle Al Jazeera, explicaría as declaracións do presidente estadounidense, Joe Biden, que rapidamente rexeitou a petición das ordes de arresto, aplicándolles cualificativos como “escandalosa”, “vergoñenta” ou “indignante” e insistindo en que, ao seu xuízo, “o que está a suceder non é un xenocidio”.

Desde Washington, que como Israel presionou o tribunal para que non solicitase as ordes, o presidente da Cámara de Representantes, Mike Johnson, notificou  que “o Congreso está a revisar todas as opcións, incluídas as sancións, para castigar a CPI e garantir que os seus dirixentes enfronten consecuencias se procede”, asegurando que de permitirse á Corte ameazar os líderes israelís os Estados Unidos poderían ser os seguintes.

Así e todo, a resolución anunciada polo fiscal xefe da CPI, Karim Khan, non obtivo o mesmo rexeitamento entre outros Estados occidentais. Á parte de Italia e o Reino Unido, que a criticaron, Francia, Bélxica e Eslovenia a apoiaron, e Alemaña comunicou o seu respecto polos procedementos do órgano xudicial deixando entrever a súa desconformidade. Á vez, Australia negouse a facer comentarios ao respecto.

Pola súa parte, o voceiro do Kremlin, Dmitri Peskov, afirmou que “a situación é máis que curiosa en termos da actitude e a vontade dos Estados Unidos de utilizar métodos como sancións incluso contra a CPI”.

Após cuestionar as forzas palestinas que a petición de ordes contra Israel chega moitos meses tarde e criticar que equiparen “as vítimas e o verdugo”, no contexto da súa loita pola liberación nacional, grupos de dereitos humanos palestinos reclamaron que os líderes israelís tamén sexan imputados por xenocidio.

Sexa como for, a petición de ordes de arresto para líderes israelís e de Hamás non implica que as accións dos dous bandos sexan iguais, senón que serán “igualmente examinadas baixo a lei”, algo importante para manter a credibilidade do tribunal e buscar xustiza para todas as vítimas, remarcou o ex membro da CPI Eric White, que reiterou que “é imposíbel comparar os dous” antes de destacar que “existen normas incluso en tempos de guerra, incluso se sentes que a túa causa está xustificada iso non significa que poidas utilizar calquera medio para perseguila”.

Amnistía Internacional, que acusara a Fiscalía da CPI de “dobre vara de medir” e “criterio selectivo” ante a súa inacción, ademais de advertir que o apoio occidental fechado a Israel a pesar dos seus crimes está a pór en risco a orde global, destacou que “transmite unha mensaxe importante a todas as partes” e permite albiscar a fin do “círculo vicioso de impunidade”.

Netanyahu podería ser detido en 124 Estados, incluídos os da Unión Europea

A CPI creouse a raíz da adopción do Estatuto de Roma en 1998, que ratificaron 124 países, entre os que non están os Estados Unidos, Rusia, a China, India ou Israel (Palestina aceptou a súa xurisdición). Isto non impediu que Washington apoiara a CPI á hora de actuar no referente á invasión rusa de Ucraína, no marco da que emitiu unha orde de arresto contra o presidente ruso, Vladimir Putin, por presunta deportación ilegal de menores de Ucraína.

En 2020, Washington impuxo sancións á fiscal xefe da CPI, Fatou Bensouda, e outro membro do organismo por mor da investigación contra estadounidenses e israelís polas súas accións na invasión de Afganistán e na ocupación de Palestina respectivamente.

Precisamente no ano seguinte ao comezo da invasión de Afganistán, en 2002, aprobaron unha norma que avala o uso de “todos os medios necesarios e apropiados para lograr a liberación de calquera estadounidense ou persoal aliado que estea detido ou encarcerado por, en nome de ou a solicitude da CPI”.

Con todo, os Estados do bloque comunitario, un dos principais aliados israelís, si que rubricaron o Estatuto, e estarían obrigados a deter Netanyahu ou Gallant. Malia que polo xeral, as e os tres maxistrados da CPI que teñen que resolver se aceptan a petición da Fiscalía demoran arredor de dous meses en chegar a unha conclusión, prevese que nesta ocasión tarden poucas semanas. No caso de Putin foron tres. Tamén é pouco usual que se anuncie a solicitude das ordes, pois o común é que se fagan públicas cando son aceptadas.

Comentarios