Julian Assange sae de prisión tras chegar a un acordo con EUA

O pacto evita que sexa extraditado a Estados Unidos.

julian
photo_camera Assange no momento de montar nun avión após saír do cárcere, segundo o video difundido por WikiLeaks (foto: WL)

Julian Assange, fundador da páxina WikiLeaks, saíu da prisión británica na que estaba recluído e abandonou Reino Unido após chegar a un acordo co Goberno de Estados Unidos que lle permitirá evitar ser extraditado a este último país.

Segundo revelaron documentos xudiciais, e confirmou Wikileaks, nas próximas horas Assange declararase culpable dun delito de espionaxe perante unha corte das Illas Marianas do Norte, un territorio estadounidense no Pacífico, e aceptará unha pena de 62 meses de cárcere.

Medios estadounidenses confirmaron que Assange non quedará baixo custodia estadounidense xa que se lle recoñecerá o tempo que estivo encarcerado en Reino Unido.

Assange ten previsto regresar a Australia, o seu país de orixe, segundo unha carta do Departamento de Xustiza de EUA.

O fundador de WikiLeaks, de 52 anos, declararase culpable do delito de conspiración para obter e revelar información de Defensa Nacional.

“Despois de máis de cinco anos nunha cela de 2x3 metros, illado 23 horas ao día, pronto se reunirá coa súa esposa Stella Assange e os seus fillos, que só coñeceron o seu pai tras as reixas”, afirma o portal WikiLeaks, que conclúe a súa mensaxe en X dicindo: “A liberdade de Julian é a nosa liberdade”. WikiLeaks tamén publicou un vídeo no que se ve a Assange, co pelo branco peiteado cara atrás, revisando uns papeis e logo subindo a pé a escada dun avión.

Assange foi detido polas autoridades británicas o 11 de abril de 2019, despois de abandonar a Embaixada de Ecuador en Londres, onde permaneceu refuxiado durante case sete anos. Desde entón, atópase nunha prisión de máxima seguridade, en virtude dunha orde de arresto emitida desde EUA. En abril, o presidente estadounidense, Joe Biden, afirmou estar “a considerar” a opción de pechar o caso contra Assange.

A finais de maio, o Tribunal Superior de Londres sentenciou en favor do fundador de Wikileaks para permitirlle apelar contra a súa orde de extradición ao país norteamericano, onde se temía que se enfrontase a unha batería de cargos que podía implicar ata 175 anos de cárcere.

O xornalista defendeu en todo momento que as informacións reveladas desde 2010 sobre corrupción gobernamental e abusos contra os dereitos humanos tanto en Afganistán como en Iraq serviron para dar a coñecer crimes de guerra cometidos por EEUU, cuxos cables diplomáticos no seu poder publicou Wikileaks.

Comentarios