O Porto manifestarase contra os múltiples ataques racistas que vive Portugal

Un grupo de seis homes cubertos con capuchas e armados con paus, coitelos e un arma entraron nunha vivenda habitada por unha ducia de inmigrantes para agredilos e proferirlles insultos racistas. 
Manifestación no Porto o pasado 6 de abril (Foto: SOS Racismo).
photo_camera Manifestación no Porto o pasado 6 de abril (Foto: SOS Racismo).

SOS Racismo denunciou este sábado varios ataques racistas contra a poboación inmigrante en Portugal. O último aconteceu na madrugada desta pasada sexta feira no Porto. Segundo explica o medio de comunicación desta cidade, Jornal de Notícias, pola noite rexistráronse tres ataques a cidadáns de orixe magrebina no centro da segunda urbe portuguesa.

En concreto, sinala que un grupo de seis homes cubertos con capuchas e armados con paus, coitelos e un arma entraron nunha vivenda habitada por unha ducia de inmigrantes para agredilos e proferirlles insultos racistas. O xornal indica que o asalto durou media hora e como consecuencia da agresión hai unha persoa internada no hospital da cidade.

Ante esta situación, a ONG convocou para este sábado á 22 horas unha manifestación en solidariedade que partirá da Praça 24 de agosto. SOS Racismo emitiu un comunicado no que condena “esta onda de violencia racista extrema que se intensificou nos últimos tempos”. Lembran que, ademais do acontecido horas atrás no Porto, na localidade de Setúbal asasinaron a Gurpreet Singh e varias persoas agrediron a inmigrantes da India e Nepal en Olhão.

A ONG denuncia, ademais, a actitude da policía, como no caso dos gardas da GNR que foron condenados polo Tribunal de Beja por ofensas á integridade física cualificada e secuestro agravado de inmigrantes en Odemira.

Caza do  home

“A pasividade do Estado no combate ao racismo e á xenofobia verificase nos crónicos problemas da Xustiza neste capítulo”, aseguran, lembrando que Comissão para a Igualdade e Contra a Discriminação Racial está sen funcionar desde outubro de 2023.

“O que se pasou nos últimos dias no Porto foi unha caza a homes, mulleres e crianzas. Asistimos a prácticas militares motivadas polo odio racial e xenófobo, típicas de grupos asasinos de extrema-dereita”, consideran.

Ante esta situación exixen “a todos os responsábeis políticos que condenen estes actos e que condenen todos os discursos de odio que os sustenta” así como a actuación “de inmediato” do Ministério da Administração Interna  que debería “dar a protección policial necesaria para protexer ás persoas”.

Comentarios