Catalunya

Crise en ERC? Máis de 300 militantes urxen renovar a cúpula e o partido

Entre os asinantes do manifesto figuran membros destacados do Govern ou os ex dirixentes Ernest Maragall e Joan Puigcercós.
Oriol Junqueras e Pere Aragonès, após coñeceren os resultados das eleccións catalás do pasado 12 de maio. (Foto: David Zorrakino / Europa Press)
photo_camera Oriol Junqueras e Pere Aragonès, após coñeceren os resultados das eleccións catalás do pasado 12 de maio. (Foto: David Zorrakino / Europa Press)

Até 309 militantes de ERC pediron nun manifesto titulado 'Reactivem l'Esquerra Nacional' levar a cabo unha "renovación xeral da cúpula dirixente", así como do propio partido, tras os resultados das últimas eleccións. No documento, as persoas asinantes sosteñen que "unha década de crecemento sostido viuse truncada por unha caída estrutural" que, afirman, estabelece o "fin dun ciclo" marcado pola desmobilización e o retroceso da esquerda en Catalunya, nas súas palabras.

Por iso, ven necesario abrir unha "nova etapa esperanzadora" mediante "a reflexión profunda e a entrada de aire fresco en ERC", que ven imprescindíbel, e apuntan que o congreso nacional do partido previsto para o 30 de novembro é unha grande oportunidade para culminalr ese p`roceso.

As e os militantes adheridos ao manifesto piden "repensar e modernizar" o partido, apostar nunha "nova maneira de facer política" máis moderna e atractiva, iniciar unha renovación política a respecto da independencia e abrir as portas á cidadanía para crear equipos que "asuman a responsabilidade do novo proxecto político".

Tamén ven necesario renovar a cúpula de ERC para procurar un modelo "máis coral e colectivo, máis transparente e con maior participación da base militante, da estrutura territorial e dos activos do municipalismo".

Entre os asinantes do documento aparecen figuras destacadas do Govern catalán, como a vicepresidenta da Generalitat, Laura Vilagrà; os consellers Roger Torrent, Ester Capella e Manel Balcells, e o viceconseller de Estratexia e Comunicación, Sergi Sabrià.

Tamén asinan outros membros do partido como a deputada no Congreso Teresa Jordà; o ex conseller e ex líder do partido en Barcelona, Ernest Maragall; o ex presidente de ERC Joan Puigcercós, e outros militantes destacados como Ernest Benach, Alba Vergés, Marta Cid, Mariña Llansana ou Oriol Amorós.

Comentarios