A Garda Civil atribúe o delito de sedición aos detidos

Miles acoden á chamada de "concentración permanente" en demanda da liberación dos arrestados

Catalunya vive esta quinta feira a segunda xornada consecutiva de mobilizacións masivas. Neste momento miles maniféstanse perante o Tribunal Superior de Xustiza de Catalunya. É a resposta ao chamado a unha "concentración permanente" realizado polos colectivos soberanistas. Demandan a liberación das 14 persoas arrestadas e o cesamento por parte do Estado das políticas represivas dirixidas a impedir a realización do referendo.

mobi
photo_camera Miles mais unha vez nas rúas de Barcelona [Foto: NacióDigital].

Unha "concentración permanente" a partir das 12 horas. Ese é o chamamento das entidades soberanistas que hai apenas 10 días reuniron por volta dun millón de persoas na Diada 2017. Esta cuarta feira decenas de miles tomaron as rúas do centro de Barcelona espontaneamente para dar resposta ao operativo da Garda Civil contra departamentos do Govern. A mobilización concluíu por volta das 4 da madrugada.

Mais o que os colectivos soberanistas convocan agora é unha especie de mobilización "non stop" mentres o Estado non levante o pé do acelerador na escalada represiva. E a primeira manifestación dese estado de movimentación sen límite temporal é a concentración que se está a producir na mañá desta quinta feira perante o Tribunal Superior de Xustiza de Catalunya.

Os protestos non cesarán de aquí ao 1-O se o Estado mantén a súa política represiva. Esa é a impresión que transmiten as rúas de Barcelona, novamente unha fervenza de esteladas, novamente un río humano cun cántico a sobrancear, Votarem! [votaremos], neste momento un desexo que -tal e como o recoñeceu o propio vicepresident da Generalitat, Oriol Junqueras- está en perigo de non se dar materializado. Junqueras, sobre o que pesa a responsabilidade de organización material da consulta por decisión do president Puigdemont, admitiu implicitamente o duro golpe inflixido polo Estado co seu operativo policial ao vir a dicer que o referendo se fará, aínda que talvez non "como sempre".

Ao confiscar a Garda Civil 10 millóns de papeletas nunha imprensa e pretensamente desbaratar un sistema informático que o Govern planeaba utilizar para o reconto dos sufraxios, a realización material do referendo vese seriamente comprometida, admiten portavoces da Generalitat. Mais iso non significa que a Administración catalá non dispoña aínda de ferramentas suficientes para levantar unha consulta. "Saíremos á rúa con papeletas e utilizarémolas", dixo literalmente Puigdemont esta cuarta feira. 

Screen Shot 2017-09-21 at 12.52.33 1O operativo policial, aliás, non foi quen de localizar aínda as 6.000 urnas das que dispón o Govern desde o pasado mes de agosto, segundo revelou Puigdemont nunha entrevista a The Financial Times.

Comparecencia conxunta no Congreso

Mentres miles de persoas afluían ao centro de Barcelona, parlamentares de ERC, Bildu, Partit Demòcrata Europeu Català, Unidos Podemos, En Marea, Catalunya en Comú, Compromís e PNV -entre eles Joan Tardá, Carles Campuzano, Pablo Iglesias e Yolanda Díaz- comparecían nun acto informativo para denunciar o "autoritarismo" do Goberno Rajoy e demandar a liberación das persoas detidas.

Sedición


Xa se coñecen os delitos cuxa comisión atribúe a Garda Civil ás persoas detidas. Non só os de prevaricación, malversación e desobediencia -os ilícitos penais que se imputan aos membros do Govern e da Mesa por aprobar a Lei de Referendo-, senón tamén o de sedición, que envolve penas de prisión maiores.

Isto non significa que as persoas arrestadas vaian ser finalmente xulgadas por eses delitos. A decisión final tena que tomar o xuíz, que avaliará o contido das pesquisas e xulgará se con efeito se corresponden ou non cos devanditos ilícitos penais.

De considerar que estamos perante un delito de sedición, o xuíz podería ditar medidas cautelares de gravidade, como a prisión preventiva.

Comentarios