Lei de Transitoriedade e Fundacional da República

A nacionalidade catalá sería compatíbel coa española e o castelán, oficial na Catalunya independente

A Lei de Transitoriedade Xurídica e Fundacional da República xa está aquí. Foi apresentada esta segunda feira no Parlament nun acto conxunto de Junts pel Sí e a CUP. Entrará en vigor automaticamente se o SI á independencia gañar o referendo do 1O [se gañar o Non, disolveríase o Parlament e Catalunya iría a novas eleccións]. A lei prevé que na Catalunya independente se podan compatibilizar as nacionalidades catalá e española.

Fundacional
photo_camera Dirixentes de JxSí e CUP no acto de apresentación da lei.

É unha lei de transitoriedade porque regularía o hipotético proceso de desconexión entre Catalunya e o Estado español e porque só estaría en vigor mentres non se aprobar a Constitución da República catalá, esclareceron en conferencia de imprensa os encarregados da súa apresentación: Lluís Corominas e Jordi Orobitg, por Junts pel Sí (coligación de ERC e a antiga Convergència) e Benet Salellas e Gabriela Serra, por parte da CUP.

A lei vaise rexistar esta mesma segunda feira e será aprobado polo Parlament (existe garantía diso sendo que o bloco independentista dispón de maioría absoluta) antes da realización do referendo axendado para o 1 de outubro.

"Queremos que os partidarios do si teñan claro o escenario que se abre", afirmou ao respeito Lluís Corominas. Isto significa que votar pola independencia o 1 de outubro poría en marcha o proceso legal cara á constitución dun Estado catalán soberano con forma republicana.

Os aspectos máis relevantes da norma son o estabelecimento dunha dupla nacionalidade catalá e española para quen o desexar -en realidade, faise compatíbel a catalá con calquera outra- e o status de oficialidade xurídica para o castelán na futura Catalunya independente.

"Despois do 1-O, se gañar o si, vanse criar as institucións e nacerá a República catalá", acrescentou o cupaire Benet Salellas.

A República, no primeiro artigo


Ao ser unha fase de transición, o bloco independentista opta por manter en vigor parte da actual legalidade española, pois a discusión sobre as mudanzas político-institucionais cábelle á futura asemblea constituínte, o órgao lexislativo que dea a luz a Constitución do futuro Estado catalán.

Porén, esta lei xa estabelece no artigo 1 que a forma que adoptará o Estado catalán será a republicana. "Catalunya constitúese nunha República de Dereito, democrática e social", reza o primeiro preceito desta norma legal.

Acceso á nacionalidade catalá

A lei estabelece tamén as vías de acceso á nacionalidade catalá, que será compatíbel coa española. Aquelas persoas que a solicitasen poderán obtela co único requisito de levar residindo cinco anos no país, sen facer ningunha distinción entre as e os cidadáns da UE e o resto de estranxeiras e estranxeiros, un elemento que distinguiría a lexislación catalá da española, estremadamente "racista", avaliou Benet Salelles.

O presidente da Generalitat, chefe do Estado

A posta en marcha da lei faría automaticamente chefe do Estado o presidente da Generalitat, ao perder toda xuridisción sobre o país a monarquía española. Canto ao poder xudicial, o Tribunal Superior de Xustiza de Catalunya asumiría as competencias actualmente encomendadas ao Tribunal Supremo español, ben como tamén as do Tribunal Constitucional.

Desaparecería de Catalunya a Audiencia Nacional -o tribunal que xulga os delitos de terrorismo-, cuxas causas pasarían a ser substanciadas por tribunais cataláns e a Fiscalía Xeral catalá, no canto de ser indixitada polo Goberno (como acontece no Estado) o sería polo Parlament

Comentarios