O Tribunal Russell condena os EUA e a ONU polo seu apoio a Israel

O Tribunal Internacional de Guerra sobre Palestina, tamén coñecido como Tribunal Russell, vén de publicar unha declaración após a sesión desenvolvida en Nova Iorq os días 6 e 8 de outubro. No texto o xurado popular internacional condena de maneira enérxica o apoio dos EUA a Israel desde o remate da II Guerra Mundial e a complicidade das Nacións Unidas, que permitiron as violacións reiteradas do ordenamento xurídico internacional cometidas polo devandito estado.

Tribunal Russell na sesión de Nova Iorq
photo_camera Tribunal Russell na sesión de Nova Iorq

O Tribunal Russell --xurdido no ano 2009 da man de numeros@s cidadás e cidadáns comprometid@s cos dereitos humanos e a paz en Oriente Medio-- desenvolveu na cidade de Nova Iorq a súa terceira sesión após as desenvolvidas en Barcelona (2010), Londres (2010) e Cidade do Cabo (Sudáfrica, 2011). Conformado por importantes personalidades internacionais, entre as que se atopaban Mairead Corrigan Maguire, activista e premio Nobel da Paz, foi fundadora da organización Xente pola paz que procurou unha solución pacífica ao conflicto armado en Irlanda do Norte; Stéphane Hessel, presidente de honra do Tribunal e coñecido diplomático, escritor e militante político francés vítima da represión nazi; Alice Walker, escritora e poeta estadounidense; John Dugard, profesor de Dereito internacional e ex-relator especial da ONU sobre dereitos humanos ou José Antonio Martín Pallín, maxistrado emérito da Sala II do Tribunal Supremo español. Malia non gozar de estatuto xurídico internacional --que lle outorgaría carácter vinculante ás súas resolucións-- a lexitimidade destas emana do seu carácter universal e o apoio que recibe de importantes intelectuais, como aconteceu con outros tribunais como os de Viet-Nam Chile ou Iraq.

Mairead Corrigan Maguire ou Stéphane Hessel son algunhas das persoas que conforman o Tribunal 

Na sesión desenvolvida en Nova Iorq, o Tribunal Russel sobre Palestina, centrou a súa tarefa na avaliación "da conduta dunha serie de empresas" que, ao abeiro do Dereito internacional, participaran directa ou indirectamente nas violacións dos dereitos do pobo palestino por parte de Israel.
Neste sentido, o Tribunal asegura que distintas corporacións transnacionais "están proporcionando servizos e infraestruturas tanxíbeis que dan apoio aos asentamentos israelís e a ocupación de territorio palestino en Cisxordania, Gaza e Xerusalén Oriental", así mesmo acúsaas de exportaren armas, comercializaren con produtos agrarios procedentes dos territorios ocupados e de recibiren --os asentamentos ilegais e as entidades financeiras israelís-- fondos procedentes das organizacións e institucións financeiras internacionais.
Doutra banda, o Tribunal Internacional puxo de manifesto o sistema que permite a estas corporacións "actuaren de maneira ilícita" e achegou fórmulas para que os estados e as organizacións internacionais exixan responsabilidades por tales feitos. Aliás, en Nova Iorq examinou de novo as violacións cometidas polo estado de Israel contra os dereitos humanos, os tratados internacionais e as resolucións adoptadas polas Nacións Unidas.

O Tribunal condenou enerxicamente o apoio estadounidense a Israel e a complicidade da ONU nas violacións 

Os EUA e a ONU apoian e amparan os actos de Israel
Após revisaren a situación que está a vivir o pobo palestino no actual contexto da rexión, o Tribunal concluiu que "a expansión continua de asentamentos coloniais, as políticas raciais desenvolvidas por Israel, así como o seu militarismo violento non sería posíbel sen o apoio dos Estados Unidos", tanto económico, como militar ou diplomático. O xurado popular internacional salientou o "compromiso" amosado polos EUA após a II Guerra Mundial "co estabelecemento de Israel e coa súa viabilidade como Estado xudeu exclusivista", que desenvolveu desde o comezo agresións contra os dereitos do pobo palestino --a comezar polo seu propio xurdimento sob territorio de Palestina--. Asemade, continúa a declaración do Tribunal Russell, a máis do apoio moral outorgado de maneira diplomática ao goberno sionista, os EUA "prestaron un inequívoco apoio militar co obxecto de estabelecer unha superioridade cualitativa" sobre os seus veciños, violando así o seu propio ordenamento xurídico interno.

Aliás, @s membros do xurado salientaron a inacción das Nacións Unidas e asegurou que "a falta de medidas concretas da ONU contra Israel constitúe un acto ilícito internacional, en prexuízo da Palestina, e implica a responsabilidade da organización", cuxa obriga --como así o indica a súa Carta fundacional-- é velar polo cumprimento dos dereitos humanos e dos pobos a nivel internacional. Así mesmo, o Tribunal Russell, asegura que "o carácter ilegal das omisións da ONU" supón dunha "gravidade extrema" perante o dereito internacional.

Comentarios