Toma partido por Ada Colau: "Eu se fose catalán, non participaría no referendo"

Pablo Iglesias desautoriza a dirección de Podem por chamar a votar o 1-O

Entre a súa organización catalá e o proxecto dos Comúns que lidera Colau, Pablo Iglesias opta por este último. Esta sexta feira, Pablo Iglesias e Pablo Echenique -líder e secretario de Organización da formación morada- repetiron a mesma frase: "Se eu fose catalán, non participaría no referendo".

Pablo Iglesias
photo_camera Pablo Iglesias

Estouran as costuras na confluencia catalá. Por un lado, Catalunya en Comú distánciase con clareza do referendo do 1-O e por boca dos seus máximos dirixentes afirma que a consulta non é o que Catalunya necesita e cualifícana de "fuxida cara adiante". Polo outro, a dirección de Podem -a marca catalá de Podemos- chama a participar no referendo. "Non podemos manter unha neutralidade cando escoitamos a ministra de Defensa apelando o Exército como nos tempos máis escuros deste país", afirma.

Pois ben, entre estas dúas posicións dificilmente conciliábeis acaba de tomar partido a cúpula estatal de Podemos e o seu máximo dirixente, Pablo Iglesias. E faino póndose acarón de Xavier Domènech e Ada Colau. "Eu se fose catalán, non participaría no referendo", dixo Iglesias, unha frase mantra que tamén foi pronunciada este mesmo día polo secretario de Organización da formación morada, Pablo Echenique.

"Temos que respeitar as decisións dos órgaos -dixo Iglesias en alusión á resolución da dirección de Podem- mais a nosa posición é clara. Nós estamos con Xavi Domènech e Ada Colau, que plantexaron o sensato: o 1 de outubro pode ser unha mobilización lexítima, mais iso non é o exercicio do direito a decidir mediante un referendo con garantías e eficacia xurídica".

Fachin esclareceu que Podem non é un partido independentista e que, portanto, no referendo non defenderá o SI á constitución dun Estado catalán independente. "No noso universo non entra o si, mais o importante é a participación".

A tese de Pablo Iglesias é que o exercicio do direito a decidir só se podería materializar cun referendo pactado con Madrid que tivese carácter vinculante e fose ser recoñecido pola comunidade internacional. Os comúns de Colau negan o carácter refrendario da consulta e considérana exclusivamente unha mobilización social.

A vía do referendo pactado está neste momento cegada pola oposición fechada do goberno español a calquera vía de entendimento a este respeito coa Generalitat.

Comentarios