O Parlament declara a independencia de Catalunya

"Constituímos a República catalá, como Estado independente e soberano, de dereito, democrático e social". A revolución democrática catalá escrebeu hoxe unha páxina para a historia. O Parlament aprobou a declaración de independencia de Catalunya. Nace esa República nun contexto enormemente adverso, cun Estado español disposto a utilizar toda a súa forza para aplicar o artigo 155.

Puigdemont vota a Declaración de Independencia
photo_camera Puigdemont vota a Declaración de Independencia

70 votos a favor, 10 en contra, 2 en branco. Con este resultado, o Parlament declarou esta sexta feira 27 de Outubro a independencia e o nacimento da República catalá. Na votación, como en ocasións anteriores, non participaron os partidos unionistas PP, PSC e Cs, que abandonaron os seus escanos antes de se submeter a proposta de resolución de JxSí e a CUP á consideración da cámara.

A votación foi secreta após unha petición nese sentido de JxSí á que se opuxeron portavoces de PP, Cs, PSOE e Catalunya sí que es pot. Todo indica que o que pretendían os soberanistas é se blindar perante a unha hipotética acción da Fiscalía Xeral do Estado contra as e os parlamentares non integrantes nen do Govern nen da Mesa que votasen a DUI (os integrantes do Executivo e do órgao de goberno da cámara si que con toda seguridade serán obxecto dunha querela sob a acusación de rebelión).

Ao ser o voto secreto, dificúltase a asignación das responsabilidades do ponto de vista xudicial. Conscientes diso, os parlamentares de Catalunya sí que es pot que pertencen a Podem -liderados polo seu secretario xeral de Podem, Albano Dante Fachín- fixeron patente que o seu voto era secreto, ao mostrar a papeleta fechada. En troca, o seu compañeiro de grupo e portavoz Lluís Rabell -como a maioría dos parlamentares da confluencia- exhibiron o seu voto NON para a imaxe ser recollida pola nube de fotógrafos que acompañaron a histórica sesión parlamentar.

indepeMentres o Pleno do Parlament aprobaba unha proposta de resolución por meio da cal se proclamaba o nacimento da República catalá, o Estado ultimaba os pormenores dunha intervención contra o autogoberno de Catalunya que nas próximas horas podería resultar na detención do president da Generalitat, Carles Puigdemont, o resto dos membros do Govern e os da Mesa do Parlament que admitiron a trámite a votación da DUI.

"Constituímos a República catalá, como Estado independente e soberano, de dereito, democrático e social", así o encabezamento dos aspectos propositivos da resolución formulada conxuntamente por JxSí e a CUP.

A cámara catalá deu luz verde á entrada en vigor da Lei de Transitoriedade Xuridica e Fundacional da República, ben como dan inicio a un poceso constituente "participativo e vinculante" de difícil materialización tendo en conta que en fronte estarán todos os aparatos do estado, políticos, policiais, xudiciais e talvez militares.

Miles de persoas celebran o nacimento da República

Un estourido de xúbilo foi o que se desencadeou na multitudinaria concentación que, en parelelo ao pleno do Parlament, acompañou a sesión por medio de pantallas xigantes no Passeig de Lluís Companys, na entrada do Parque de Ciudadela, o emblemático espazo urbano en que ten a súa sede o Parlament.

Ledicia e euforia, si, mais tamén unha evidente preocupación pairaba no ambiente, quer nas rúas quer nos salons do Parlament, perante a resposta que esta mesma tarde poda articular o Estado español a esta declaración de independencia.

Unha atmosfera inequivocamente revolucionaria, con arredor de 200 alcaldes independentistas a ateigaren corredores e escalinatas da peza central do edificio do Parlament, é a que se podía palpar nos momentos inmediatamente posteriores á declaración de independencia. Instantes cheos de emoción e tamén de recordación dos dirixentes dos colectivos soberanistas Jordi Sànchez e Jordi Cuixart, aínda en cadea provisional en Soto del Real. "Llibertat, llibertat", entoaron os rexedores, a enarboraren os bastóns de mando como símbolo do rol protagónico xogado polo municipalismo catalán durante todo o procés.

A primeira reacción do Goberno español asinouna Rajoy a meio dun chío na súa conta twitter.

Pido tranquilidad a todos los españoles. El Estado de Derecho restaurará la legalidad en Cataluña. MR

 

Comentarios