O Parlament inicia a conta atrás para unhas novas eleccións catalás sen ningunha sesión de investidura prevista

Os hipotéticos comicios serían o 13 de outubro.
Josep Rull (Junts), presidente do Parlamento catalán, a cuarta feira. (Foto: David Zorrakino / Europa Press)
photo_camera Josep Rull (Junts), presidente do Parlamento catalán, a cuarta feira. (Foto: David Zorrakino / Europa Press)

Despois de constatar que ningún dos candidatos que anunciaron a súa disposición de someterse a unha sesión de investidura, Salvador Illa (Partit dels Socialistes, PSC-PSOE) e Carles Puigdemont (Junts), conta cos apoios necesarios para facerse coa Generalitat, o presidente do Parlamento catalán, Josep Rull (Junts), asinou a cuarta feira no Pleno unha resolución de “acto equivalente” a unha investidura sen éxito.

Desta maneira comeza a conta atrás para uns novos comicios territoriais, que ficarán convocados automaticamente se antes do 26 de agosto ningunha persoa é elixida para liderar o Executivo. Se finalmente é preciso recorrer a novas eleccións desenvolveranse o 13 de outubro.

Illa insistiu en que ou é elixido presidente ou haberá repetición electoral. Nese sentido, negocia con Esquerra Republicana de Catalunya (ERC) o seu apoio, que canda os votos de Comuns Sumar permitiríalle alcanzar a maioría absoluta. Ao respecto, a forza soberanista catalá exixe que o PSOE acepte un modelo con soberanía fiscal ou non avalará “ningunha investidura”.

Comentarios