A ofensiva do unionismo

A portavoz do PSOE pide que o 1-O se retiren as urnas para "non se cometer un delito"

Novos sinais de o PP e o PSOE se estaren a reencontrar como forzas de choque do unionismo face ao referendo de 1-O. Se esta segunda feira, García Albiol -portavoz do PP no Parlament- defendía a aplicación do artigo 155 -a suspensión do autogoberno catalán-, esta terza a portavoz socialista no Congreso, Margarita Robles, demandaba a retirada das urnas para evitar a comisión dun delito.

A ministra de Defensa, Margarita Robles (Foto: Nós Diario).
photo_camera Margarita Robles

O exercicio dun dereito democrático, o do pobo de Catalunya a decidir o seu estatus político, é visto como un delito por Margarita Robles, ex secretaria de Estado de Interior durante o último goberno de Felipe González e actual portavoz do grupo parlamentar do PSOE no Congreso dos Deputados.


Na realización do referendo ve Robles a comisión dun delito de malversación de fondos públicos e doutro ilícito penal de desobediencia das resolucións do Tribunal Constitucional. É por iso que demanda a retirada dunhas urnas que, segundo o dito por Carles Puigdemont ao Financial Times, xa estarían en posesión da Administración catalá.

Robles, en todo caso, nega calquera valor xurídico ao referendo no caso de este se vir finalmente a materializar. Aliás, quixo matizar o alcance das súas palabras con esta frase: "Xa veremos se se poñen as urnas, como as poñen e se lles chaman urnas".

En calquera caso, estas declaración non son casuais e veñen precedidas das proferidas por García Albiol esta segunda feira a prol da activación do artigo 155 da Constitución española, medida coercitiva que permitiría a suspensión de determinadas competencias do auto-goberno catalán [por exemplo, as que ten sobre o Mosssos] e a súa asunción directa por parte do Estado.

Robles e García Albiol expresan estas opinións favorábeis a unha focaxe represiva do referendo por parte do Estado após se coñecer que Pedro Sánchez, secretario xeral do PSOE, chamou a Mariano Rajoy para lle oferecer o apoio do seu partido fronte ao que o establishment español, político e mediático, chama o "desafío independentista".

Comentarios