A negativa dos deputados e deputadas da Asemblea do Salvador a aprobar un empréstito de 109 millóns de euros para un plan de seguridade para financiar a loita contra as ‘maras’, levou o presidente salvadoreño, Nayib Bukele, a irromper no Parlamento acompañado de oficiais militares e policías. Unha vez dentro, sentou na cadeira do presidente da Asemblea e ordenou o inicio da sesión ao abeiro, dixo, do dereito divino.
Para este domingo o presidente convocara unha "concentración cidadá" invocando o artigo 87 da Constitución relacionado coa "insurrección" para presionar as e os deputados. Dito artigo estipula que as persoas teñen dereito á insurrección para restaurar a orde constitucional alterada pola transgresión das normas relacionadas coa forma de goberno ou o sistema político establecido, ou por graves violacións dos dereitos consagrados na Constitución.
A Fronte Farabundo Marti de Liberación Nacional (FMLN) chamou a defender a constitución e manifestou que "condenamos categoricamente as accións altamente perigosas para o país, emprendidas polo presidente da República, que racha a orde constitucional e a independencia dos poderes”. A formación de esquerdas, nada da antiga guerrilla, advertiu o presidente que “non nos vai atemorizar” e instouno a deixar o camiño da “prepotencia”, propio, afirman, das “ditaduras”. A oposición fala de "autogolpe" de Bukele.