Entrevista con Le Soir

Puigdemont abre a vía a unha alternativa distinta á independencia

Xiro argumental no discurso de Puigdemont. O president no exilio, nunha entrevista en Le Soir, declara que "unha solución distinta á independencia é posíbel". E sobre a hipótese de encabezar unha candidatura o 21-D afirma: "Non vexo a posibilidade de ser candidato partidista. Non quero ser o candidato dun partido político".

 

puigdemont
photo_camera Puigdemont, durante un discurso pronunciado desde Bruxelas

A independencia -proclamada polo Parlament o 27 de outubro pasado mais deixada sen efeitos xurídicos pola activación do artigo 155- non é o único cenario que contempla Puigdemont.

Entre a independencia e o actual statu quo Puigdemont ve pontos intermedios. "Unha solución que non sexa a independencia é posíbel", afirmou. Explicou a seguir que el propio como dirixente do nacionalismo catalán traballou "durante 30 anos para obter un outro encaixe de Catalunya dentro de España. Traballamos moito para iso, mais chegou Aznar e freou este camiño", dixo. Dese discurso dedúcese que estaría disposto a explorar vías de diálogo -con cesións por ambos lados-  se o Estado mudar de actitude. 

PuigInterpelado directamente sobre se as únicas alternativas son "independencia" ou "morte", Puigdemont respondeu que "nunca" se pode estabelecer a cuestión neses parámetros e enfatizou que el sempre torceu polo acordo. "Todo isto comezou en 2010 cos cortes introducidos ao Estatuto de Autonomía aprobado polos parlamentos catalá e español", dixo en alusión á sentenza do Tribunal Constitucional que baleirou de contido o texto estatutario.

Sobre a hipótese de encabezar a candidatura do seu partido o 21-D, Puigdemont deixa ben claro que non a contempla. "Non vexo a posibilidade de ser candidato partidista". Significa isto que non concorrerá ás eleccións? En absoluto, significa máis ben que se oferece para encabezar unha candidatura de país. A día de hoxe esa opción é de moi improbábel materialización dados os acordos adoptados xa por ERC -que apresentará Junqueras como número un- e a CUP.

Comentarios