Puigdemont cesa o 'conseller' que puxo en dúbida a realización do referendo

O president da Generalitat non admite fendas no bloco soberanista e entrega a cabeza do conseller, tal e como lle demandaba a CUP. O cesamento de Baiget fai emerxer diferenzas no seo do Partit Demòcrata a respeito da viabilidade da consulta do 1-O.

Orzamentos. Referendo. Pleno Parlament Catalunya. Puigdemont. Junqueras
photo_camera Puigdemont, no Parlament

Nunha entrevista en El Punt Avui, o conseller de Empresa e Coñecimento, Jordi Baiget, deu por suposto que o referendo non se realizaría porque a súa convocatoria sería suspendida polo Tribunal Constitucional. 

Baiget mostraba a súa convicción de que non haberá referendo e que, en todo caso, si se podería apostar na realización dunha réplica do 9N, a consulta formalmente organizada por unha rede de voluntarias e voluntarios en novembro de 2014. A tese oficial do soberanismo catalán é que neste momento o que cómpre non é ir a un remake do 9N, senón organizar un referendo que ache amparo na lexislación emanada do Parlament e que teña capacidade de producir efeitos xurídicos (aínda que non sexa recoñecido polo goberno español).

As declaracións de Baiget espellan a existencia de sensíbeis diferenzas no seo do Partit Demòcrata, a antiga Convergència, que conforma canda a ERC de Junqueras a coligazón de goberno Junts pel Sí. De feito, en primeira instancia o PD fechou filas arredor do conseller, cuxa demisión demandou de imediato a Candidatura d'Unitat Popular.

Puigdemont, cun aceno de autoridade, fecha a crise coa destitución de Baiget que, aliás, ten tamén como propósito enviar unha mensaxe clara aos sectores máis tépedos do seu partido: o president non contempla nengunha hipótese distinta á da realización do referendo.

Na entrevista con El Punt Avui, Baiget afirmou que el podería aturar a hipótese da prisión nunha eventual insubmisión perante a prohibición do referendo por parte do Tribunal Constitucional, mais non así unha actuación do Estado contra o seu patrimonio familiar en forma de multa.

Comentarios