Catalunya

Ruben Wagensberg (ERC) prevé volver a Catalunya o "sábado ou antes" con Marta Rovira

"Non sei se me sinto con forza, mais síntome contento, síntome tranquilo e feliz", expresou Wagensberg, que hai meses admitiu problemas de saúde mental pola acusación de terrorismo que pesaba sobre el no marco do 'caso Tsunami'.
O diputado de ERC, Ruben Wagensberg, no Parlament de Catalunya (Foto: David Zorrakino / Europa Press).
photo_camera O diputado de ERC, Ruben Wagensberg, no Parlament de Catalunya (Foto: David Zorrakino / Europa Press).

O deputado de ERC no Parlament de Catalunya Ruben Wagensberg, que marchou a Suíza polas consecuencias xudiciais do procés, prevé volver o "sábado ou antes" xunto á secretaria xeral da formación, Marta Rovira, despois de que o Tribunal Supremo arquivase o 'caso Tsunami' contra el e o ex president da Generalitat Carles Puigdemont.

Díxoo esta cuarta feira nunha entrevista en Rac1, na cal explicou que nas próximas horas falará con Rovira para fechar cando e como volver. "Témolo que fechar ben", remarcou, aínda que reiterou a data do sábado ou antes, xa que a secretaria xeral de ERC expresou a súa vontade de asistir de forma presencial á Asemblea de Mulleres da formación o sábado en Catalunya.

Medio ano no estranxeiro

O deputado republicano, que leva case medio ano no estranxeiro, matizou que coa súa volta ten unha sensación "agridoce", porque hai outros políticos aínda fóra de Catalunya, como Carles Puigdemont e o ex conseller Lluís Puig.

Tamén engadiu que ten varios trámites por fechar antes de volver a Catalunya definitivamente, como deixar a casa onde vivía coa súa parella, e que deben facer unha viaxe cunha furgoneta para recoller algúns móbeis que compraran coa previsión de residir no estranxeiro por máis anos.

"Non sei se me sinto con forza, mais síntome contento, síntome tranquilo e feliz", expresou Wagensberg, que hai meses admitiu problemas de saúde mental pola acusación de terrorismo que pesaba sobre el no marco do 'caso Tsunami'.

Declaracións de Rovira

Previamente, a secretaria xeral de ERC, Marta Rovira, xa afirmara que quere volver a Catalunya este sábado pola mañá para participar na asemblea de mulleres do partido republicano, despois de que o xuíz da Audiencia Nacional Manuel García Castelló arquivase a causa de 'Tsunami Democràtic'.

Díxoo nunha entrevista esta terza feira en Rac1, na que advertiu de que "tamén fai falta ver as reaccións" das acusacións particulares que foron aparecendo na causa estes últimos meses. O primeiro que fará ao volver a Catalunya será pasar por Vic para visitar ao seu pai e á súa nai, e despois tratará de asistir á asemblea de mulleres de ERC, "se todo concorda e é posíbel facelo".

Respecto a se prevé manter a súa residencia en Xenebra (Suíza), apuntou que estes próximos días tomará "moitas decisións" para ver como se organiza, aínda que cre que non as pode tomar nin hoxe (por esta terza feira), nin mañá nin pasado mañá.

"Terémolas que tomar os tres de casa, porque aquí hai moitas cousas que contan, non?", sostivo Rovira, referíndose á súa parella e á súa filla, e tamén asegurou que está emocionada, xa que é un momento moi especial para ela.

Comentarios