Rusia ve "imposíbel" volver ao acordo do Mar Negro até que se cumpra o pactado

Moscova acusa os EUA de intentar boicotear a cimeira con África.
Un buque integrado na iniciativa de exportación de cereais pasa polo Mar Negro en maio deste ano. (Foto: Yulii Zozulia / Europa Press)
photo_camera Un buque integrado na iniciativa de exportación de cereais pasa polo Mar Negro en maio deste ano. (Foto: Yulii Zozulia / Europa Press)

“Lamentabelmente, nestes momentos é imposíbel reactivar ese acordo posto que non se cumpre”, afirmou esta terza feira o voceiro do Kremlin, Dmitri Peskov, en alusión á iniciativa de exportación de gran polo Mar Negro. Peskov reiterou que Moscova volverá ao acordo cando se cumpran os aspectos relacionados coa fin dos obstáculos ás exportacións de cereais e fertilizantes rusos, que continuaron vixentes durante os máis de 11 meses nos que estivo en vigor a iniciativa.

As declaracións producíronse un día despois de que o secretario xeral da Organización das Nacións Unidas (ONU), António Guterres, pedira a Rusia regresar ao acordo, que considerou “fundamental para garantir a estabilidade na subministración e nos prezos”. Peskov confirmou que Guterres presentou unha proposta ao mandatario ruso, Vladimir Putin, coa “promesa de que algunha vez se poderá cumprir a parte rusa”.

Putin comprometeuse a substituír de forma gratuíta as entregas de gran ucraíno que recibían os países máis empobrecidos de África, criticando que a maioría dos cereais exportados polo Mar Negro remataron en países de ingresos altos e medio altos, na terminoloxía utilizada pola ONU.

Este punto está previsto que sexa abordado na cimeira a quinta e sexta feira en San Petersburgo no cumio Rusia-África, con reunións individuais entre o presidente ruso e os líderes africanos.

Sobre o cumio, o Kremlin acusou os membros da Organización do Tratado do Atlántico Norte de forzar os países africanos para que non asistan, nunha “presión sen precedentes por parte dos Estados Unidos, e as embaixadas francesas no terreo tampouco durmiron”.

Comentarios