Catalunya

O Senado controlado polo PP rexeita a Lei de amnistía, que regresa ao Congreso para ser aprobada

Prevese que a Cámara Baixa vote a aceptación definitiva da medida de graza o 30 de maio.
Alicia García, voceira do PP no Senado, onte. (Foto: Eduardo Parra / Europa Press)
photo_camera Alicia García, voceira do PP no Senado, a terza feira. (Foto: Eduardo Parra / Europa Press)

Exactamente dous meses despois de que o Congreso español aprobara a Lei de amnistía, que beneficia persoas independentistas catalás represaliadas polo Estado, o Senado, controlado polo Partido Popular (PP), vetou a terza feira a norma validando unha emenda á totalidade do texto avalada pola ultraespañolista Vox e rexeitada polas forzas progresistas e soberanistas.

Dous meses é o prazo máximo fixado pola Constitución española para estes trámites. Para esgotalos, os conservadores implementaron reformas na Cámara Alta para evitar aplicar á proposta o procedemento de urxencia.

Agora a lei volverá á Cámara Baixa, onde todo indica que o 30 de maio será aprobada de novo, desta vez de maneira definitiva, polo que entraría en vigor unha vez sancionada.

Sen efecto o conflito de competencias

Ademais, o conflito de competencias desatado polo PP entre o Senado e o Congreso, enmarcado na campaña conservadora contra a medida de graza, quedará sen efecto a quinta feira.

Os conservadores usaron a súa maioría absoluta para convocar na primeira institución un Pleno ese día -que non estaba previsto anteriormente- para aprobar unha resolución neste sentido, descartando apelar ao Tribunal Constitucional.

A Cámara Alta dera luz verde en primeira instancia a unha moción requirindo ao Hemiciclo que retirase a proposta de amnistía, insistindo en que se trata dunha reforma encuberta da Carta Magna.

A Mesa do Congreso, con maioría progresista, o rexeitou, o que foi cuestionado polo PP aducindo que era o Pleno o que se tiña que pronunciar ao respecto.

Comentarios