A UE avala o uso de máscaras na poboación sa

A UE valora agora recomendar o uso de máscaras na poboación. 
Unha muller con máscara, diante dun quiosque (Imaxe: Eduardo Parra / Europa Press)
photo_camera Unha muller con máscara, diante dun quiosque (Imaxe: Eduardo Parra / Europa Press)

O Centro Europeo para a Prevención e Control de Enfermidades (ECDC), que é unha axencia da Unión Europea, avalou esta cuarta feira, 8 de abril, o uso de máscaras en público, tanto en persoas con síntomas que xa saben que están infectadas da COVID-19 como en persoas asintomáticos, principalmente en espazos fechados e concorridos, como tendas, centros comerciais ou no transporte público.

"O uso de máscaras en público pode servir como medio de control para reducir a propagación da infección, ao minimizar a excreción de pingas respiratorias dos individuos infectados que aínda non desenvolveron síntomas ou que permanecen asintomáticos", dise nun novo informe desta axencia.

Con todo, indican que "non se sabe en que medida o uso de máscaras na comunidade pode contribuír a reducir a transmisión".

O EDCD aclara que as máscaras faciais deben usarse "só como medida complementaria e non como substituto" das medidas preventivas como o distanciamento social, a hixiene meticulosa das mans e evitar o contacto coa cara, o nariz, os ollos e a boca. 

Pola contra, o director xeral da Organización Mundial da Saúde (OMS), Tedros Adhanom, reiterou na segunda feira que só se recomenda o uso de máscaras na poboación xeral en caso de persoas enfermas ou que coidan dun paciente na casa. 

No Estado español 

O ministro de Sanidade do Goberno español, Salvador Illa, asegurou na mañá desta cuarta feira, 8 de arbil, no transcurso da Comisión de Sanidade no Congreso dos Deputados que decidirá se recomenda ou non o uso de máscaras na poboación que non estea diagnosticada iso é o que aconsellen os organismos internacionais, tales como a OMS e o ECDC. 

Comentarios